28/2/10

Xubilación

Canto levamos escoitado istes días. Todo mundo está a falar: os políticos, os sindicatos, a prensa, os empresarios (como non, istes últimos non podían ser menos) Penso eu, non sería mellor que se adicaran a buscarlle relevo a quen os representa? Vaia exemplo de país: as súas empresas en quebra, os traballadores no paro e el agarrado o sillón de máximo representante da patronal Española.

Deste xeito nos vai, para mostra un botón. Fíxense nesta fotografía, cinco graos de temperatura no exterior, unha persoa con setenta e moitos anos, intentando gañarse o sustento que outros lle negan  cunha mísera pensión que non lle chega nin para pagar o aluguer da vivenda.

Qué vergonza para todos e especialmente para os que nos gobernan que teñamos que estar toda unha vida traballando e cando chega a xubilación non nos den suficiente para poder vivir e teñamos que facer como este home, situarnos na rúa máis céntrica dunha cidade, aplicando a máxima inventiva pra gañar uns cuantos euros máis, que nos permitan mal vivir.

21/2/10

Ruta: Ponte Merced - Chorexe - Santa Mariña


  • Punto de saída: Alvidron“ LAR DOS AVOS”.
  • Distancia a percorrer: (ida e volta) 11,400Km.
  • Percorrido: Descorre todo por camiños asfaltados.
  • Cobertura telefónica: non moi boa.
A ruta pódese facer andando ou en bicicleta.
  • Tempo estimado: andando ida e volta (2 horas,40 minutos) en bicicleta ida e volta (1hora,10 minutos) contando alguna que outra parada para contemplar a natureza e o fluir do rio ulla, que cruzaremos dúas veces por distintas pontes. 


Partimos da aldea de Alvidrón  dirección Ponte Merced. A 400m atopamos a aldea de Feás e a 2km Ponte Merced. 
Cruzamo-la ponte do rio Ulla e a escasos metros atopamos un cruceiro. Un pouco mais adiante ven unha curva moi pechada e perigosa ,neste punto colleremos a esquerda, camiño de Chorexe, tal e como nos indica o cartei. 
A 4,200km atopamos a aldea,colleremos a esquerda e a 200m atoparemos o Pazo de Pardo Ouro (popular Xinecólogo  moi querido nestas terras, alá polo ano 1950). Continuaremos iste camiño ata chegar a Santa Mariña,antes atoparemos de novo outra ponte do rio Ulla, que cruzaremos. De seguido veñen catro casas e un pouco mais adiante un stop, dende iste punto xa se devisa a igrexa de Santa Mariña. No medio da aldea atópase unha praza (km 6,300 do noso percorrido). Nesta aldea podemos ver o pazo dos condes que lle deron nome á parroquia.Os seus restos repousan no cemiterio ó pe da igrexa.
De volta á praza colleremo-lo camino que fai baixada e nos levará á Ponte Merced (km 9,200) xusto  de frente topámonos coa capela, pois ben, debemos coller a dereita polo mesma estrada da ida, ata o punto de partida,(km 11,400)LAR DOS AVOS.

14/2/10

A outra cara da vida

Viven sós e dormen ó raso; Atenazados polo frío son despreciados pola sociedade. O seu corpo desprende cheiro a rancio, as dificultades e avatares da vida arrastróunos a iste furado. Esa vida na que nunca pensaron nin quixeron para eles.
Pel curtida de durmir moitos días e noites en caixeiros, estacións e outros cobixos, refuxiándose en algúns casos no alcohol ( compañeiro inseparábel) que os leva a imaxinación de lugares, de soños e fantasías para esquecer todo aquelo que fixeron mal, que xa non poden arranxar e tampouco voltar atrás.
Reveláronse contra todo e contra todos, so lles queda o compañeiro, o cartón de viño:  “Don Simón”,  ese que durme o seu carón, que lles axuda a esquecer o que foron, o que son, e o que seguirán sendo.

11/2/10

Mais patriota non se pode ser...


Como apréciase na foto mais patriota non se pode ser.
Cadaquén que saque as súas conclusións,  eu as miñas resérvoas para unha mellor ocasión.

5/2/10

MUSEO DO XAMON - MADRID

Fíxense no texto desta fotografía: "pan tumaca"; Cando menos curiosa, algún iluminado quixo facer algunha graza porque doutra maneira non se entendería.Para min non ten ningunha, trátase do respeto e aprecio que me merecen tódalas  linguas,como via de comunicación e entendemento entre as persoas. Neste caso estamos a falar do idioma "CATALÁN".O correcto sería con iste texto "pa amb tomàquet" polo demais nada que obxectar as tapas e racións de xamón son moi boas e abundantes.

1/2/10

XUBILARSE OS 67 ANOS

Canto lle temos que agradecer os nosos políticos, en especial ó Presidente do Goberno Sr. Zapatero, que pensou na xubilación dos traballadores. Quere que teña lugar aos 67 anos. A dicir verdade,,non sei como ímoslle pagar tanta xenerosidade, pois en vez de envellecer e morrer na nosa casa, o carón dos nosos fillos e netos, farémolo no traballo, preto do patrón e de ahí, xa nos levarán o tanatorio. Qué ben pensado está! así xa non seremos unha carga pra ninguén. Estou a pensar se non será cómplice cosnosos fillos na toma dunha medida tan ocurrente, e deste xeito terémolos na casa ata os 35 anos..
Qué pouca vergonza teñen aqueles que nos gobernan. Eles póñense os mellores salarios. Eles viaxan a nosa conta e moitos en coche brindado. Viven nos mellores barrios, nas mellores casas, con persoal de limpeza e demais privilexios. Abóndalles estar uns cantos meses gobernando pra ter dereito a xubilación. Convertiron a política nunha horta, onde eles, fan e desfan sen contar con ninguén. Sempre en beneficio propio e a colleita sempre pra os mesmos. Fixeron que sexa hereditario, pasa de pais a fillos, a dona e irmans, curmáns,... como se dunha parcela se tratara. Sitúan nos poderes públicos as persoas ou familia que lles sexa afín.
Sométennos a súa disciplina como se dun rabaño de ovellas se tratara (xa sabemos que as ovellas por onde pasa unha, pasan todas).
Tivemos que salvar a Banca cos nosos cartos. Eu pregunto: qué fai ela por nós? A resposta xa a sabemos, cobrarnos boas comisións, eso sí aos partidos politicos regálanlles os cartos pras campañas electorais.
Temos que revelarnos e dicir ata aquí chegou a hipocrisía e tanto abuso de poder; pois o pobo votaos pra que nos administren con transparencia e o fagan pra todos non so para eles e uns cuantos mais.
Porque non se combate con firmeza aos que se apropian do diñeiro público?
Porque non vixían o fraude fiscal das grandes empresas, en vez de perseguir o pequeno contribuínte?
Porque non moderan o gasto rebaixando o seu xornal: Ministros, Senadores, Diputados, Secretarios, Sub-Secretarios, Directores Xerais etc...etc... ? a lista sería interminábel.
Qué fan na rúa todas as persoas, que teñen ou tiveron cargos e cometeron irregularidades na súa xestión apropiándose de diñeiro público?. Si esto fixéra molo calquera de nós, tiñamos cadea pra tempo.

Arte Salvado

As autoridades Republicanas, crearon o "COMITÉ INTERNACIONAL PARA SALVAMENTO DE LOS TESOROS" sendo o seu Presidente o Sr Timoteo Perez Rubio.
En camións como iste foron trasladadas a Xenebra, obras de arte de grandes pintores, como as Meniñas de Velázquez, para que non foran destruidas na Guerra Civil española.
Grazas a solidariedade de diferentes museos de Europa e América estas obras estiveron a salvo e hoxe podemos contemplalas en varios museos entre eles, o Prado e o Reina Sofía.

28/1/10

De Madrid ao ceo ou inferno?





Hai un dito que di “DE MADRID AO CEO” pois eu, o máis preto que estiven do ceo, foi en Nova York, cando nos levaron de visita a un rañaceos.

Por certo, en Madrid, o que me rañaron foi o peto e non me subiron a ninguna altura... todo foi cos pes pousados na terra. Como se pode ver nunha das fotografías.

“Espero que na miña terra non tomen exemplo” . Como di o meu amigo Xaquín: ”CARALLO POS CASTIZOS”

26/1/10

Viaxe en AVE



Aeroporto de Lavacoia. Día 16-01-2010. Estou a viaxar de Santiago a Barcelona, lendo o xornal GALICIA HOXE que na sua páxina oito está adicada a falar da alta velocidade. Di textualmente: "PESE AO PULO DE FOMENTO O AVE NON CHEGARA NO 2015 “. Adxunto aparece un plano de cómo se atopan na actualidade as obras. Fai mención a primeira data do compromiso de Fomento, o ano 2012, despois falaron do 2015 e agora do 2017 ... e a iste paso non e nada descabelado pensar no 2020 para conexión coa Meseta e xa non digamos, as conexións con LUGO, FERROL ou o mesmo VIGO.

Hoxe, día 24 de xaneiro do 2010, cando son as 19.45 horas, atópome na estación de ATOCHA-MADRID no medio dun barullo moi audible, trátase de xente que viaxa para Navarra e acaban de facerlles saber que o seu tren sairá con retraso, calculan uns trinta minutos. Mentres polo servizo de megafonía invitan aos viaxeiros do AVE con destino Sevilla e Córdoba a embarcar pola porta número 7 e así , de seguido, van anunciando os trens de alta velocidade para destinos diferentes. Bótolle unha ollada ás pantallas e podo comprobar que cada media hora sale un tren para Barcelona e coa mesma frecuencia para outras ciudades do eixe Mediterraneo-Andaluz.

Isto faime lembrar o abandonamento das xentes e pobos do norte da Península, entre eles, a miña terra.Comezo a pensar na de ministros galegos que gobernaron e gobernan na actualidade ,ex-Presidentes de goberno galegos, ex-Presidentes fillo de galego, qué poucos sentimentos a súa terra nai! ¿Qué temos que facer para ser escoitados e atendidos do mesmo xeito que o resto do estado ¿ Acaso non contribuimos cos nosos impostos o mantemento e desenvolvemento das melloras no ámbito nacional? parece que estamos en desigualdade de condicións con respeto outras rexions en tema de servizos, entre eles o que estou a tratar.

Xa son as 20.10 e tócame embarcar pola porta nº5. Sae o tren AVE as 20.30 destino Barcelona.Por razóns informáticas tócame viaxar en asiento diferente ó da miña dona “quedando separados polo pasillo”. Din que non hai mal que por ben non veña, neste caso así foi, pois ó meu carón viaxaba unha rapaza de Zaragoza, chamada Pilar, de profesión veterinaria, moi comunicativa e coñecedora da miña terra. Iniciamos conversación, e contoume que os primeiros anos de Universidade pasóunos en Lugo na facultade de Veterinaria. coméntame a cantidade de horas que pasaba no tren dende Zaragoza a Lugo e o mal comunicadas que están ámbalasdúas ciudades. Invítame a falarlle en galego, di que o entende perfectamente. Lémbrase dos viños e tapas pola Rúa Nova, dos paseos pola Muralla... e voltando o noso idioma, di que é moi doce e meloso e que inspira confianza. Doulle as grazas por tanta alabanza e seguimos a conversa falando da actualidade e como non tamén de política. Respecto a este tema ela teno moi claro, non cree nos políticos , comenta que son persoas con poucos valores e que a ela so lle interesan as persoas bondadosas e solidarias; Faime saber que ven de deixar o seu noivo no aeroporto de Barajas, de profesión médico, que pertence a O.N.G. médicos sen fronteiras, e que marcha con destino a axudar as persoas feridas no terremoto de HAITI . Está preocupada polo que está a acontecer alí e pola sorte que correrá o seu noivo.

Anuncian por megafonía a chegada a Zaragoza. Trescentos kilómetros percorridos. Unha hora e cuarto de viaxe e o tempo que pasounos sen enterarnos. Despedímonos dela a miña dona e máis eu, desexámonos moita sorte e ela engade que iste ano XACOBEO pensa visitar GALIZA pois é unha terra que namóralle. Por cumpridos que non quede, nós tamén lle dicimos que a súa terra Aragonesa ten unhas paraxes encantadoras e unha xente moi acolledora.

Comeza de novo a circular o tren. A miña muller e mais eu comentamos o agradable e simpática que era a moza pese ao momento de tristura que supoño estaría a pasar.De seguido alcanzamos os 300km hora quedámonos adormilados. Despértanos o so dun teléfono móvil dun pasaxeiro que iba a nosa veira, ó parecer era alguén que se equivocou , pois o señor que recibía a chamada insistía que él non se chamaba Miguel e que non se adicaba á venta de pisos. Para que vexan vostedes, calquera diría que hai crisi ... a verdade, non se nota. O tren vai cheo e o señor ou señora quere comprar un piso as once e media da noite dun domingo, seguro que debía tratarse dunha ganga dada a insistencia do comprador. Mágoa o número equivocado, outra vez será.

Xa non hai tempo para mais. Invitannos a baixar do tren, xa chegamos a destino: BARCELONA -SANTS ¿Poderei contar algún día, un conto viaxando en AVE a GALIZA? Boas noites.

22/1/10

Castelo de Pambre





Esta Ruta pódese facer en bicileta ou en coche. Existe sinalización en todo o percorrido.

Punto de partida: Alvidrón-LAR DOS AVOS

Cobertur
a telefónica: Non moi boa

Descorre: por camiños asfaltados.

Tempo estimado: en bicicleta( ida e volta 3 horas) contando as paradiñas que imos facer para contemplar a natureza que nos acompaña en todo o percorrido. En coche ( 1 hora e 10 minutos)

O Castelo de Pambre, atópase na parroquia de Pambre, comarca da Ulloa, Concello de Palas de Rei. Foi construído no século XIV por Gonzalo Azores Ulloa. Esta construcción foi o único Castelo que sobreviviu as reboltas irmandiñas (século XV) .Na actualidade é propiedade privada.

O percorrido que fariamos dende O LAR DOS AVOS descorrería pola estrada que nos leva a Ponte Merced (km 2) ; Unha vez alcanzado este lugar cruzaremos pola ponte medieval. De contado veremos un cruceiro a nosa dereita e a uns 200 metros un curva moi pechada, xusto ahí, un cruce de camiños, onde colleremos o que nos levará a Pidre (km 2,900 ). Adentrarémonos na aldea e ó chegar ó campo da festa, colleremos a man dereita . Seguindo esa estrada a 1 km, atopámonos outra mais estreita, tomaremo-la vía da man esquerda que nos levará a aldea de Santo Xurxo (km 5,100 ).Chegado a este lugar atoparémonos con outra estrada un pouquiño mais ancha que colleremos a esquerda. Seguiremos por ela ata chegar a primeira aldea, aquí atoparemos un rótulo que nos indica Pambre a esquerda. A continuación ven unha aldea chamada San Cibrao, seguiremos por este camiño ata chegar o castelo ( km 9,400).

A volta farémola á inversa.

Recomendación:non esquecer a cámara fotográfica.

17/1/10

Igrexa de Antas de Ulla




Así gastan os cartos os nosos políticos, mais de cen mil euros, doados pola Consellería de cultura, para o arranxo da Igrexa.


Paréceme un despropósito e un insulto á intelixencia.Os gobernantes teñen á pobación das zonas rurais abandoadas a súa sorte: nin auga potable, red de sumidoiros nin se arranxan os camiños...

Existe unha lei de obrigado cumprimento para istos servizos que data de hai moitos anos e que están incumplindo facendo oídos xordos a mais dunha queixa.

Ademais paréceme que vai sendo hora de que fagamos uso da Carta Magna, a Constitución, e de que España sexa un país laico e aconfesional.

Xa sei que moitos estarán a dicir que a Igrexa trátase dun patrimonio de todos, pero teño as miñas dúbidas e fágome esta pregunta :"Quen ten a chave da igrexa?" A resposta é doada, a chave tena o crego que é o seu dono.

Pareceríame ben o seu arranxo se só existira unha única igrexa,pro neste caso son dúas para unha pobación de sete- centas persoas:Non sería mellor adicar estes cartos a mellora do centro de saúde para que tivera mais capacidade,obter unha asistencia de calidade, dotando de mais medios e persoal? Cada día esta a estoupar de xente e un non se da rebulido en tan pouco espazo.Pero isto non importa para os que nos gobernan, é mais sinxelo que a xente reze pola súa saúde. Así entre rezos e oracións vai pasando o tempo e as aldeas e a poboación van envellecendo, á vez, ámbalas dúas. Os clérigos ledos e todo queda como estaba.

Eu tiven un profesor que adicóuse a política pro mentres exerceu de mestre sempre dicía esta frase de algo que non comprendía: ”VALGAME DEUS O QUE SOMOS DICÍA O DOUTOR PANDOLFO DIANTE A CAVEIRA DUN BURRO,VALGAME DEUS….”

16-1-2010

9/1/10

AVE




Como pódese ver na fotografía, colgando dunha das torres da Sagrada Familia de Barcelona atópase unha pancarta na que se pide o desvío do AVE.
Paréceme ben se realmente pode afectar as estructuras do templo; Aproveito pra darlle unha idea a Fomento: "que o desvíen e o leven a Galiza" pois descorrería por paraxes e terras nas que non se atopa ningún monumento nin tesouro e os galegos estaríamoslle moi agradecidos. Dispoñeríamos dun tren rápido para viaxar; Non como agora que tárdase catorce horas en unir as dúas nazóns, e xa postos a pedir, que fagan unha estación en Palas de Rei. E a dicir verdade non sería nada desatinado, pois co goberno de Felipe Gonzalez a alta velocidade chegou a Andalucía, gobernando Aznar levóuno a Valladolid, aínda que descoñezo se ten parada en Quintanilla de Onésimo,onde acostumaba a xogar a partida de cartas. Agora que temos Xosé Blanco de ministro - orixinario de Palas de Rei - (ESO SÍ, DE FALAR A SÚA LINGUA MATERNA NIN TORTA) paréceme moi acertada esta idea, seguro que os cataláns veríanno con bos ollos pois eles que son viaxeiros incansables, amantes da gastronomía galega e dos seus paisaxes estou convencido que non terían recelo en apoiar esta iniciativa.

9-01-2010

2/1/10

o Gato Roque



Roque era un gato de cor amárelo, que na casa e fora dela sempre estaba preto do seu dono. Cando saían xuntos a pasear, Roque sempre ía o seu carón, co rabo levantado refregándose as pernas do seu amo e de cando en vez, levantaba a cachola e respondía con un miou...pero iso sí, facíao moi frouxiño, suficiente para que o seu amigo Xesús se dera conta de que estaba na súa compañía.
Algunha vez alexábase un pouco para xogar entre as herbas con algún saltamontes que se lle cruzaba no camiño, pois topaba moi divertido os saltos que daba este insecto voador; cando el chegaba a onde se pousara no primeiro salto, o saltamontes xa non se topaba alí, xa fixera outro salto... e así entre salto e salto descorría o tempo e o xogo.
O seu amigo Xesús decidiu traerlle un compañeiro para que xogara con Roque: a gatiña Merruxiña, esta era de cor agrisado moi presumida, sempre estaba a limpar os seus pes coa lingua, como se levara zapatos de charol e lles estivera sacando brillo,. De seguido fixeron amistade; as carreiras dentro da casa eran frenéticas como se dunha competición se tratara. Un día toparon un carolo do millo que o converteron en pelota de xogar o fútbol, pasábano dun o outro, elevábano no aire e a diversión non cesaba.
Pasou o tempo e un bon día o seu amo viu que só xogaba Roque e que faltaba Merruxiña. Preocupado por se lle houbera pasado algo malo, decidiu buscala, chamando polo seu nome :Merruxiña.a.a.a.a Merruxiña.a.a.a.a e desta que se escoita unha voz moi frouxa miau.au…miau.au.. O son saía dunha caixa de madeira,. Xesús achegouse pra observar e dentro dela atopou a Merruxiña cos seus catro fillos recén nacidos, cos olliños pechados como se non quixeran saber nada do que acontecía. Durmían o calor da súa nai mentres ela lamíaos unha e outra vez.
Pasaron os días e os gatiños foron medrando. Comezaron a saír da súa cama, a correr e a xogar entre eles cunhas landras que toparon debaixo da mesa da cociña; Roque e Merruxiña pendentes dos pequenos, en todo momento, para que non se fixeran mal, decidiron para-lo xogo, voltar á casa e mostrarlles tódolos recunchos do seu fogar.
Un veciño chamado Xosé da tendeira que rexentaba unha taberna, decidiu falar con Roque e Merruxiña para que lle deran consello, pois tiña que botar fora uns ratos que estábanlle a come-las galletas e o arroz que tiña na tenda, ademais non o deixaban dormir polas noites co tropel que facían no faio.
Roque escoitou con atención ó seu veciño e finalmente aconsellouno para que esperara uns meses a que medraran os gatiños e que cando estes foran grandes, dous deles quedarían a durmir no local e asalarían os donos do alleo. Xosé comprometeuse a facer unha cama de virutas de carpinteiro, enrriba do mostrador, para que tiveran un bo sitio para exercer a vixiancia.
Transcorrido o tempo acordado, Roque falou cos seus meniños e organizaron o plan. Levóunos a falar con Xosé, quen ensinoulle-la cama e os furados por onde entraban os ratos.
Aquela mesma noite apousentáronse no canastro coas virutas e de seguido comezaron a controlar. De cando en vez, facían un percorrido arredor das caixas das galletas e mais do arroz.
Pola mañán cedo, a súa nai que os botara moito en falta foi xunto deles para saber como pasaran a noite. Abriu a porta da tenda e atopouse cos dous gatiños moi ledos e satisfeitos , pois en toda noite non rebuliu ningún rato.
Así seguiron facendo durante unhas noites e dado o éxito que tiveron, Xosé decidiu facer unha festa para darlle nome os gatiños eficientes e a os seus irmáns.
Celebraron a festa con tódolos gatos da parroquia como invitados e tamén tódolos veciños, estes acordaron poñerlles o nome de Isidoro, Sonia, Micifú e Pinto, iste último polos cores branco e negro tan rechamantes que tiña.
O remate da festa, tomou a palabra o Sr, Xosé e anunciou os invitados que posto que todos estaban dacordo, concederían a Isidoro e Pinto a vixiancia da aldea.
Dende aquela reunión, a familia de gatos é un referente dentro da súa comunidade, Pasean a turnos. aldea arriba, aldea abaixo. Todos os veciños están moi contentos xa que non hai nin rastro de ratos.
Sonia quedouse a vivir cos seus país e Micifú foi para Cruña pois sempre dicía que non lle gustaba a aldea, que el tiña que vivir onde houbera porto de mar, aínda que tódolos veráns pásavos cos seus país e irmáns na aldea. Así que marchou pra cerca da torre de Hércules onde polas mañás, daba unha volta polos acantilados na procura de facerse con algún peixe. O mediodía regresaba ó seu fogar para estar na compaña dos seus donos.
Así descorreu a vida distes gatiños moi queridos por todos os que os coñecían. A súa presencia non deixaba ninguén indiferente pois eran moi educados e correctos con todo o mundo, saudaban a todo bicho que se lles cruzara no camiño e sempre estaban dispostos a botar unha man a quen os necesitara.
1-01-2010
Avó: Alfonso

18/12/09

A PITIÑA CURRUPELA


A GALIÑA COS SEUS SETE PITIÑOS

Despois de vinteún días que a pitiña Currupela estivo quentando coas súas plumiñas, os sete ovos, comeza abrirse e a saír os pitiños de color amarelo, moi agudiños un deles chamado Currupín correndo… correndo… vai a beber auga e os seus irmáns , Currupón e Currupes, van detrás pra beber eles tamén, e a súa nai Currupela comeza a berrar "non bebades esa auga esta moi fría e iádesvos costipar"; pero Currupin xa bebera e o cabo dunhas horas comeza atoparse mal. Refuxado debaixo das plumas da súa nai empeza toser e ten moitos mocos. A súa nai preocupada, decide levalo a un curandeiro con moita experiencia, chamado galo Crispin. Este dille que ten que obedecer a súa nai, que mentres sexa pequeniño non se separe dela e que durman todos xuntos así co calor de todos curarase de seguido. Currupela pregúntalle canto lle ten que pagar e o galo Crispin,repóndelle que cun bico dos tres pitiños el xa está mais que pago.
Currupes vai correndo e dálle o bico ,Currupin que esta o seu carón dálle outro e Currupón bótase a chorar, non lle quere dar o bico; A súa nai Currupela toda a avergoñada trata de convencelo dicíndolle que cando cheguen a casa, daralle para comer grans de millo. O final decide darlle o bico pero deseguido refuxiase debaixo da plumaxe da súa nai.

Cando van para casa, van cantando
Currupón…Currupín….Currupés… os pitiños somos tres,Currupón…Currrupín…Currupés…os pitiños somos tres.

Chegan a casa e a súa nai ponse a escarbar nunhas herbas diante da porta, en busca de comida. Currupón comeza a chorar e a dicirlle á súa nai que el quere os grans de millo que lle prometera había un anaco. Currupín e o seu irmán Currupés esgázanse a rir dicíndolle "eres un chorón". E mentres isto sucede Currupón comezar a correr ó carón da súa nai. Había catro pitiños mais pois eran os catro ovos que deixara Currupela abandonados para ir a curar Currupín. Todos contentos empezan a darlle nome os outros irmáns e deciden poñerlles Currupata, Currupote,Currupato e Currupete.
Todos moi ledos comenzan a cantar unha canción,
Currupón…Currupín… Currupés… Corrupata…Currupote…Currupato...Currupete que xa somos sete repiten isto unha e outra vez e así xogando o carón da súa nai foron medrando.
Currupón xa non chorou mais a súa nai deulles grans de millo a todos. Fixéronse grandes e foron todos moi felices converténdose na envexa do galiñeiro.


Para miña neta : AINA

Avó Alfonso.

19-12-2009

Chegada a Galiza

Ainiña miña netiña,
cantas ganas de verte eu tiña,
xa me contaron canto te rías
e so foron cartoce días.
Nesta túa terra chamada Galiza
chega a miña neta co seu sorriso,
moi ledos todos e ela tamén
celebramos a súa chegada por primeira vez.
Xa so me queda
pedirche cariño por esta aldea,
e amor por esta terra,
pois aínda estando lonxe, ela sempre espera.


26/08/2009 avó: Alfonso

17/12/09

Qué fermosa eres





A MIÑA NETA
Aina qué fermosa eres,
Canto me gustas
Canto che quero.
Chegaches moi leda,
ollos azuis
cariña de nena.
Soriso de paz
como as nenas da aldea.
Manciñas pequenas
que moito me apretan.
Que ledo me fas,
como moves as pernas.
Os teus choros soan,
alborada galega.
30-05-2009 avó:Alfonso

14/12/09

O galo gañador



“Hai galo que ben estás no medio de tantas galiñas” quen che ía dicir que gañaría-lo primeiro premio...Nin ti, nin os teus compañeiros podíadesvos imaxinar, que seriades visitados polas autoridades e expostos á tanta xente. Curiosos que non deixan de mira-las pernas azuis, o plumaxe e a crista grande e roxa , o máximo encanto o teu corpo.
Enxaugáronte pra que non te escapes, como se dun delincuente se tratara e todo o mal que ti fixeches, foi namorarte dunhas pitas nun galiñeiro sabe Deus onde... “ canto te votaran en falla”. Olla non acabes como case todo nestas datas do Nadal, primeiro cébante, vas a concurso, despois expoñente e o final acabas no pucheiro dalgún seareiro. Desexo equivocarme e poder verte o próximo ano concursando e gañando outro premio.

11/12/09

Beleza exterior


Nada mellor que adozarnos cos ricos manxares deste forno-docería e como non, contemplar a beleza da fachada, enriquecedora do noso pasado.

7/12/09

NADAL



Avenidas iluminadas, escaparates adornados e a petar de atractivos regalos, rúas cheas de xente cargadas de bolsas con compras, moitas delas sen sentido e con pouco ou ningún proveito; en definitiva manipulación e mais manipulación.Da a sensación que só comemos, e mercamos regalos por estas datas.Non sería mellor un consumo sostido que axudara a conservación e mantemento dos recursos deste planeta?
Loitemos por un consumo razoable e por unha mellor calidade de vida,non nos deixemos levar polas mensaxes publicitarias."Consumamos só aquelo que realmente precisamos".

PARADOXOS



A fotografía reflexa os paradoxos da vida"Non so de pan vive o home"Tamén de evitar os riscos laborais. Isto é o que está a facer no día de hoxe esta oficina, antiga panadaría.

Datos personales