4/12/10

A MIN TAMEN ME MILITARIZARON


Hoxe todo o mundo, está a falar da folga dos controladores e case tódolos xornais, están a dicir o mesmo: O CAOS NOS AEROPORTOS FARALLE MOITO MAL A IMAXE DE ESPAÑA NO MUNDO. 
Neste caso que nos acontece, houbo que facer dos consellos de ministros e formar un gabinete de crise para declararlles a guerra aos controladores, usando medidas que non se emprearon dende que ficou a dictadura:  "MILITARIZACION´´.  De todo isto, sabe moito o que lles está a falar, pois aconteceume o mesmo en Correos  o día 2-01-1975, só coa única diferencia, que o soldo dun controlador pode chegar a os cincocentos mil euros, e  o meu  naquel entón non chegaba a 11.000 pesetas, uns escasos sesenta e seis euros en definitva, nosoutros loitabamos para poder subsistir. 
Que pouco ou nada cambiaron as cousas, aínda non somos capaces de chegar a acordos que deixen as duas partes satisfeitas, sen necesidade de chegar a esta situación.Desexo e espero polo ben de todos, que este sexa o último conflicto laboral destas características, para que ninguén poña en dúbida a nosa credibilidade como pais, e postos a pedir que nos equiparen cos xornais dos controladores.





30/11/10

PASOMINO - 1948


Nada mais nin nada menos, comezou a servir nunha casa. Era moi doado naquel entón, adicarse ao mal chamado criado, hoxe con moito mais respeto chamámoslles empleados do fogar. Sexa como sexa, con eufemismos ou sen eles, tratábase dun neno, é evidente que unha persoa de doce anos, non ten que traballar, o seu traballo tiña que ser o colexio e progresar nos seus estudios, en definitiva, formarse para ser unha persoa ben preparada e capacitada para, coa súa sabedoría, enriquecer o seu pais.
Voltando ao  tema, Aniceto púxese a traballar obedecendo  aos seus pais aínda que con moita tristura pois con esa idade aínda sigue a necesitar dos seus pais.
Os pais falaron con Brais, o dono da casa dos faltruqueiros, na aldea de Ribadulla. Unha propiedade duns dous mil ferrados de terra e que precisaba duns vinte Pasominos. Chegaron ao acordo de que o rapaz traballara só pola comida, en definitiva o mais importante, xa se lle supoñía que no acordo tamén estaba incluída unha cama onde durmir e a vestimenta do rapaz.
Un martes daqueles diferentes aos do dito :”nin da túa familia te apartes”... Puxéronse ao camiño os pais e Pasomino, dende Furelos ata a casa dos Brais onde os esperaban para quedarse co rapaz. Alá pola media tarde, chegaron cansados, despois de moito andar.
Unha vez na casa dos Brais, a Pasomino tocóulle vivir o momento mais duro, despedirse do seu pai Benedicto e de Adelaida, que entre vágoas e sollozos díxolle adeus e quedaron de verse cada dezanove de mes, na feira, en Palas.
Pasaron os días, e o rapaz, grazas a súa humildade e bon facer, conseguiu o aprecio e o respeto da nova familia, pero sen esquecer o día dezanove para ver os seus pais, sobre todo a súa nai Adelaida, moi delicada de saúde, que lle recriminaba o seu home que puxera a Pasomino a servir, pois ela dicía que fame non ían pasar, aínda que fora con patacas íalles encher a barriga.
Chegou o día dezanove, as sete da mañá, Palomino atopábase na eira debaixo dun castiñeiro, refuxiándose do orballo, ía coas súas mellores vestimentas para o encontro cos seus pais. O seu amo Brais, viuno debaixo da árbore e recomendoulle que se refuxiara na palleira, pois o  orballo, pouco a pouco ía mollando.
As oito da mañá,  Brais púxose ao camiño, ó lombo da besta Parrocha, que aínda que xa tiña os seus anos, a galope non lle gañaba calquera. Cando chegou a Palas, buscou por tódala feira para atopar os pais de Pasomino. Deron unhas voltas e non os viron. Finalmente, Brais que, era un gran fumador decidiu ir o estanco a comprar tabaco e o chegar o estanco atopouse cos pais de Pasomino (Benedicto era outro  gran fumador que o primeiro que pensaba era sempre en abastecerse de vicio) . A nai, cando viu o seu fillo, abrazouno e botouse a chorar, en canto o seu pai pagou o paquete de tabaco fundiuse no abrazo tamén.
Pasados os primeiros momentos e xa todos mais tranquilizados, deron unha volta pola feira e Brais decidiu convidalos a comer o polbo. Os pais, aproveitaron para falar con Pasomino, querían saber como estaba, el díxolles que moi contento porque o trataban como se fora un fillo, que lle mercaron roupa nova e que o señor Brais e mais a súa dona Sara eran moi boas persoas. Unha vez finalizado o xantar, chegou a despedida,  asomaron bagoas outra vez.
Pasomino e mais o seu amo Brais, voltaron o mercado para mercar uns pantalóns e uns zocos a Pasomino. Rematada-las feiras regresan a casa e o chegar a aldea, a muller de Brais preguntoulle polo encontro cos seus pais. Pasomino, entre bágoas explicoulle que moi ben pero que non puxeron data para verse e como non había telefono non sabe como terá que facer para verse con eles. A señora Sara díxolle que non se preocupara, que o levarían a Furelos para ver os seus pais cando el quixera, as palabras bondadosas da muller e unha aperta agarimosa relaxáronno. A continuación, dirixiuse ao cuarto para ficarse na cama, pois viña moi canso, o día fora moi intenso emocionalmente. Comeza a escurecer, hai que repoñer forzas para o día seguinte e continuar coas labores do campo.

24/11/10

MANCEGAR

Iste sinal da a sensación que esté a pedir benevolencia os deus das alturas.Tardaron en poñelo e as presas demostran que non son boas compañeiras.
Creo que está a rezar para que o poñan como se merece.

                                                                                                                        Foto Novembro 2010     

A CERVELA



O sinal que estamos a ver,  quixo pasar a mellor vida, bicando ao chan e as hervas,parece dárllelas grazas pola acollida.
A dicir verdade leva uns cantos meses no chan.(XA VAI SENDO HORA DE QUE O ERGAN) pois da maneira que se atopa, para ir a Cervela hai que levantar o voo.

                                                           Foto feita 10-11-2010

18/11/10

A 50 KM

Nesta estrada, hai que ser adiviño para coñece-la velocidade máxima permitida na circulación de vehículos, pois a sinalización descansa no chan despois de pasar a máquina que limpa as silvas o carón da estrada. Este equipo ten tanta forza que o corta todo, "ata o ferro", aínda que tamén estou a chegar a un razoamento...a escasos metros existe outra señai de paso de vacas e quizais foi cortada para que os animais vaian mais depresa e non teñan que respetar ningunha velocidade.
                                                                                                           
                                                                                                       

2/11/10

VALENCIA








Vangardismo, Deseño, Excentricidade, Contraste.


Fotos 1/11/ 2010

28/10/10

Feira de Monterroso

Hai uns cincuenta anos,cando eu era un cativo,estaba desexando que chegara o día primeiro de cada mes para, conxuntamente co meu tío Marcelino, ir os dous axudar a despachar a casa dos meus tíos Eladia e Xesús, pois tiñan unha fonda e panadería en Monterroso .




Lémbrome que para min era moi divertido. O meu traballo consistía en encher botellas de viño para os comensais e o meu tío facía rebuxos de pan e conxuntamente co viño leváballelo á mesa. Con esta tarefa tiña contacto con outras xentes, que viñan doutras provincias no so de Galiza; atopábanse mercadores de Asturias,Cantabria, de Castela  León, Zamora) e incluso de Portugal...


Comprábase e vendíase de todo, o que mais abundaba era o gando. Organizábase en zonas segundo o tipo de mercadoría. Estou a lembrar a feira das ovellas e cabras ou mesmo o gando ovino, que atopábase onde na actualidade encontrámo-la sala de festas. A feira das vacas, cabalos e porcos ocupaban o que hoxe e a cúpula e todo o seu arredor. A feira dos queixos, coellos,pitas e ovos, lacóns, xamóns, etc. atopábase na estrada que vai para Taboada na Praza que hai frente o pazo do Xeneral Salgado, a feira da froita e cereais na Praza da Carballeira, detrás da casa Vázquez (esta casa, que actualmente, se atopa no medio do pobo, entón era das derradeiras de Monterroso) . Camiño de Lugo, a un kilometro e medio, atopábase a aldea de SeteIgrexas, hoxe unida a Monterroso e formando a mesma urbe. A feira de Santos celébrase o día primeiro de Novembro. En xeral, tódalas feiras tiñan moita actividade comercial, pero esta caracterizábase por aumentar en mais do dobre os visitantes.


O meu tío Xesús sempre estaba preparado nestas feiras, pois naquel entón, so existía unha entidade bancaria “Caja de ahorros y Monte de Piedad¨ e el facíalles de prestamista para todos aqueles que se habían excedido nas compras, coma tratantes de vacas e porcos, en definitiva, xente do negocio que na seguinte feira volvían a mercar e o mesmo tempo a devolver o prestado. Quero deixar moi claro que non lles cobraba ni unha peseta mais do prestado.Foron tantos os favores que fixo que, o día da feira, os tratantes facían cola para comer, mercar pan e ofrecerse ao que necesitara.Pechaban toda a súa amistade e agradecemento con un apretón de mans! Unha cousa parecida coma hoxe! Lémbrome tamén, que a feira de santos, case sempre facía mal día: chovía, vento, frío...incluso moitos anos neve, por iso o meu tío sempre tiña dúas ducias de paraugas, para deixárllelos aqueles que lle había esquecido: todo un home de negocio . E así, axudando os demais, o seu negocio prosperaba.


Penso que o meu tío fixo moito polo pobo, pois naquel entón, so existía a súa fonda e a súa panadería. Grazas a el, o visitante que viña unha vez, voltaba e ademais traia outro, e ese a outro... e así chegou Monterroso a ser coñecido mais alá de Galiza.


Opino que as autoridades municipais deberían adicarlle unha rúa a xente que, como o meu tío fixeron que o pobo medrara e chegara a ser o que é hoxe.

22/10/10

XOANIÑA


Lémbrome desta historia que me contou a miña nai e que sucedeu nunha aldea de nome Poucavergoña.




O 28 de febreiro do ano 1913, naceu nunha familia moi probe, unha nena que nomearon Xoaniña. Como era filla de moza solteira (e estes embarazos estaban moi mal vistos polo entorno veciñal e familiar) non se lles ocorreu outra cousa que, alá pola media noite, abandonar a meniña recen nacida envolta nunha toalla diante a porta da casa dunha veciña. A muller que atopábase durmindo, escoitou chorar, e sen pensalo votouse da cama e correu ao rescate da neniña. A veciña, sospeitaba quen fora o que lle deixara aquel fermoso regalo e foi petarlle á porta. Iniciouse unha discusión polo sucedido e esta boa muller ameazou a familia con denuncialos feitos.


O día seguinte pola mañá, a veciña contoulle os feitos ao curmán da nai da nena, que vivía a dous kilómetros na aldea do lado. Este, a cabalo da besta, acercouse a casa da familia de Xoaniña para levarse con él a meniña; Así foi, non sen antes ter unha discusión moi forte coa súa curmán cando lle recriminou os feitos.


Xoaniña, arroupada cun cobertor a cabalo da besta chispiña, chegou ao seu novo fogar. Alí vivían os oito fillos e dona do seu salvador, que lle deron todo o que necesitou aquel ser que acaba de nacer. A dona (que pensou que isto era un milagre) xuntou os seus fillos que xa eran maiores, e díxolles: “a partir de hoxe sodes nove irmáns”.


Todo o amor e cariño foi pouco para aquela neniña, pasaron os días e foi medrando, a fermosura abondou nela como se de un ser especial se tratara.


Cando estivo a punto de cumprir os vinte anos, faleceu o seu pai e un ano despois a súa nai, -sí digo ben, os seus pais, os que a criaron e educaron como persoa, pois os pais biolóxicos fóronse para Cuba e nunca se lembraron dela-.


A moza Xoaniña, quedou na casa cos seus irmáns – efectivamente, os seus irmáns, pois ela era unha mais e as diferencias entre eles non existían-.


No ano 1946, o amor chamoulle a porta, recen cumpridos os trinta e tres anos. Antón era un rapaz moi xeitoso e traballador, así que Xoaniña decidiu casar con el. Fixéronlle unha casamento por todo lo alto, non faltou de nada e foron convidados familia e veciños. Relucente co seu vestido branco deulle o “sí quero” a Antón, o home que a faría feliz toda a vida. Tiveron unha filla a que entregaron todo o seu amor e loitoran por ela para darlle canto alcanzaban, educárona respectando os valores da solidariedade, amor e bondade. Xoaniña endexamais a abandonaría : Todo un exemplo.

Xoaniña, de horóscopo Celta PINO símbolo de potencia vital, sentido do humor, enamoradizos e apaixonados, equilibrados no traballo, non soportan o fracaso.
!Casualidade ou non!
Naceu o día 28 de febreiro do 1913, xoves.
Casouse o día 1 de Agosto do 1946, xoves.
Faleceu o día 4 de Novembro do 1993, xoves.

10/10/10

O GAITEIRO DE SAN XUSTO

O día 3-10-2010 tivo unha merecida homenaxe na que participou a familia e asociacions culturais da comarca.
Curiosamente, o día 8-5-2009 adiquei a miña lembranza a este home, de nome Ramiro Villamor; Agora entendo, él sempre fixo honor as catro últimas letras do seu apelido “AMOR" :  amor polo seu e polo noso,  en definitiva pola  cultura que nos distingue e identifícanos.
Merecida foi adicarlle unha rúa en Palas de Rei, quizáis tardaron demasiado, pero como di o dito (nunca é tarde). Dende aquí fago unha chamada aos responsables políticos para que casos coma iste, de xente anónima, que fixeron tanto para conservar a nosa identidade como pobo, non se esquezan e sexa recoñecida a súa labor, adicándolle rúas e prazas no seu honor.

29/9/10

O FUXITIVO RAMIRO

 Recen acabada a guerra civil Española, moitas persoas estaban fuxidas, algunhas delas vivían en zulos feitos na casa ou nos montes. Iste caso que estou a comentar, transcorreu nunha aldea chamada Desentober na parroquia de Lavecer. Neste lugar vivía unha familia moi probe chamada “os felaid”; Tiñan un fillo único, Ramiro, que estaba casado con Filomena. Vivían cos pais del: Manoel e Felisa.




Ramiro que desertara do servicio militar para non ir a guerra, atopábase fuxido da xustiza que o buscaba incansábel día e noite (mais de noite ca de día, por ser esta propicia para adentarse na aldea e facer serán coa súa familia).


Pero sempre hai alguén disposto a colaborar e delatar as visitas polas noites que lle facía a súa familia.A dicir verdade nunca se soubo quen fora o delator, as culpas botábanllelas a Celestino, o irmán mais vello dos catro que vivían na casa grande “dos piñeiro”. El sempre o negou.


Casualidade ou non, a Garda Civil soia facer mais dunha parolada o carón da lareira, na casa dos Piñeiro, e como Celestino falador era moito, mais dunha vez, seguramente, se lle escaparía que o seu veciño Ramiro baixaba do monte a facer algunha visita ós seus. Razón non lle faltaba pois Ramiro baixaba moitas veces e moitas delas non so eran visitas familiares, senón que tamén se adentraba noutras casas doutras aldeas, xa que a fame facíano ficarse en mais dunha despensa a comer chourizos e touciño ata encher o bandullo.


O día do aniversario da súa nai decidiu achegarse pola noite a casa dos pais a compartir cea. A Garda Civil que de cando en vez dábase unha volta pola aldea, sabedores desta data ou avisados por alguén, decidiron alá polas dúas da mañá rodear a casa e intentar coller o fuxido.A presa estaba dentro. Comezaron os verros do brigada: “ Ramiro sae, sabemos que estás, sae coas mans en alto, non vamos a dispararche”. Ramiro, que sabía da recompensa que tiña a captura dun fuxido (cen pesetas e unha semana de permiso), escoitando a voz do brigada pensou “se saio son home morto, aguantarei todo o que poida”.


A súa nai Felisa decidiu saír pola fiestra e dicirlles aos gardas "non está na casa, fai mais dun ano que non sabemos nada de el”, “non sabemos se está vivo ou morto”, engadiu. A todo isto, o seu fillo fixo un burato na parede que comunicábase co palleiro de palla, atravesouno e valéndose da escuridade logrou fuxir.


Cando a Garda Civil decidiu entrar na casa, el xa non se atopaba e o seu pai Manoel, xa puxera as pedras do furado no seu sitio como se non houbera pasado nada. Os gardas remexérono todo: os armarios, debaixo das camas, enriba no faio, no vertedoiro ( que atopábanse uns pratos sen lavar e algúns restos de comida)... O brigada, coa rabia, rompeuno todo, ata un refaixo de Filomena que sacara pra darse un arrechucho co seu marido Ramiro.


Pasaron varios anos e Ramiro seguía sen aparecer ante a xustiza, e ela sen esquecerse de Ramiro. O 11 de Novembro do 1941, o crego de Lavadoiras a cabalo da súa besta, dende a altura que esta lle proporcionaba, ollou un home emporcallado detrás dunha xesta ó pe da cuneta da estrada, como se dun borracho se tratara,. Acercouse a el e decatouse que era o fuxitivo Ramiro. Decidiu poñelo en coñecemento da Garda Civil, estes acompañados do crego situáronse doutro lado da estrada e dispararon cos seus fusís, cando se acercaron puideron observar que eles non lle deran morte, a autopsia confirmou que morrera por unha pneumonía e non polos disparos dos gardas civís. O crego non lle deu a extremaunción xa que para a Igrexa tratábase dun bandoleiro e estes non teñen sitio no paraíso, ata tiveron que enterralo de noite, nun cemiterio alleo, a escondidas do crego e das autoridades.


Descanse en paz Ramiro.


Nesta foto pódese ver o cruceiro que a súa familia levantou no seu nome.

28/9/10

O SAPO FERMIN

O Sapo Fermín, amodiño pero seguro, saía polas noites a facer o seu percorrido; As súas características fisiolóxicas eran as comúns da súa especie, pero tiña un instinto especial que facíao diferente. Estaba afeito a que o chamaran polo seu nome e ó escurecer saía da súa guarida e acompañábanos nos paseos polas noites estreladas da Galiza.

Alvidrón Agosto 2010

6/9/10

GALIZA





VERDE- AUGA- PEDRA- PEREGRINAXE- PAIXÓN- MORRIÑA- LEMBRANZAS - FERMOSURA.

FOTOS AGOSTO 2010

5/9/10

POLBO POL

Inventiva non lles falta. ¿Canto hai que facer para vender ?
O dolce non é caro, pero o parecido ó polbo nada que ver coa realidade.
O Carballiño 24-8-2010

4/9/10

ROMA





Berce da civilización Occidental. Centro espiritual do catolicismo. Lenda: Rómulo e Remo. Arte e Arquitectura. Patrimonio da Humanidade.


Fotos   9-2009

LAGARTA

Expectante pero relaxada, os calores do verán, fan que se deleite ó sol, e como se dunha vedette se tratara expon o seu corpo ao obxetivo da cámara.

Alvidrón 22-8-2010

CABAZO

Construcccións tradicionais Galegas. 
Feito de varas de xesta, utilízase para gardar o millo.

Foto feita en Albá  8-2010

25/7/10

DÍA DA NAZÓN E PATRIA GALEGA

Eu  ben  vin  estar  o  moucho
Enriba   daquel  penedo.
¡ Non  che  teño  medo  moucho,
Moucho,  non che  teño  medo ¡

Rosalía de Castro


Son galegista i estou orgulloso de selo, pero a pesares das miñas fondas convinccións políticas non me atrevería a discutilas sabendo que a discusión podía debilitar a solidaridade dos galegos antifeixistas. Todol-os galegos lle queremos á nosa Terra e todos arelamos liberala i engrandecela. Deixémonos, pois, de retesías. A Galiza mártir é arestora a obsesión de todol-os galegos libres, que andamos po-lo mundo, e ninguén pode desertar da obriga que pesa sobor de nós. Os que vivimos a salvo dos verdugos e gozamos de liberdade, non podemos desoir o mandato dos mortos, porque a súa voz resoa constantemente na nosa concencia, e temos que xuntarnos para comprir o noso deber como galegos. ¿ O sangue quente dos nosos mártires  non  correu xunto ? Pois entón deben correr xuntas as nosas espranzas, n-un soio rio de vontades.

Alfonso  R.  Castelao
Páxina 91 do libro SEMPRE  EN  GALIZA


P. D.   GALIZA  DESPERTA,  ÉRGUETE,  LOITA  POLA  TÚA  IDENTIDADE, NON ENTENDO,  AQUELES QUE DIN QUE TANTO CHE QUEREN,  QUE  POUCO  OU NADA FAN POR  TI.

23/7/10

GRECIA



BERCE DE  CIVILIZACIÓNS. SABEDORÍA.
FOTOS ATENAS: ACRÓPOLE
E TEATRO DE HERODES.

FOTOS: ILLA  SANTORINI
POBO DE  OIA.
                                                                                       7 - 2010


          

18/7/10

NOVA YORK

O



COSMOPOLITA - MODERNIDADE - CONTRASTE

FOTOS : 12 - 2009

17/7/10

VENEZIA - BURANO - ITALIA



AUGA, BELEZA E ENCANTO.

FOTOS : 10 - 2007

11/7/10

ESTATUT

Un pobo, a súa xente, unha maneira de pensar.






                                                                                                                        10-07-2010

                                                                                                                     

A XESTA

A diferencia do toxo, ti non pinchas, aínda que tedes cousas en común, coma as flores de cor amarelo, tamén as hai brancas,quen sabe, o mellor únevos algún parentesco! As dúas estades consideradas como especies depredadoras, sen embargo, de ti aproveitáronse para quentarse o carón do teu lume, aqueles que non tiñan outra leña, mellor dicir os mais proves, os que andaban a buscar garabullos no inverno." VAI A PENA DE VALIÑOS E CORTA UNHAS XESTAS PARA O LUME " unha frase feita dos que mais tiñan para falar dos que tiñan menos, a dicir verdade eras a leña dos mais humildes, coas túas polas facían cabeceiras, cestos, cubrían cubertizos, quentaches fornos, facías de escoba, tapabas furados... e na lareira dos ricos fuches despreciada, eles utilizaban leña de carballo,que era mellor e mais señorial.


E agora véxote en rúas e prazas, na liña divisora das autoestradas en definitiva decorando o noso entorno e vendo pasar os deportivos propiedade daqueles que protexeches da choiva, quentáchelles as canelas e que agora, levan a cachola tan erguida que non se decatan que ti aínda estas a perseguilos perfumando co teu cheiro a súa viaxe.Ante tanta utilidade eu declárote un ben de interese nacional.


9/7/10

CARALLO CO TOXO

Naces nos montes, nas leiras, nos prados, alí onde te deixan e tes oportunidade, es mais galego que ninguén, aproveitáronse e aprovéitanse de ti, ata fixeron licor das túas frores o chamado whisky galego. Fuches utilizado para alimentar e dar acougo e cama aos animais, tamén para fertilizante da terra, chegaches a Galiza da man de vai ti saber quen, quedácheste connosco para formar parte da nosa identidade e cando chega a primavera cóbreste de encanto co teu manto de cor amarelo, non mordes, por espiñas, fixeron de ti un dito que se utiliza para defnir aqueles que son pouco ou nada agradables din deles"eres coma un toxo"  es un toxo, e se de min dependera declararíate un ben de interese cultural e protexido como o están os hórreos, pois formades parte do encanto da nosa terra, aínda que non temos que esquecer que hai que controlarte, teñente considerada unha das cen especies invasoras do mundo, ( e ademais espiñas .)

27/6/10

LEIRA DE PAPOULAS






Din desta fermosa planta que ten propiedades curativas.Tamén utilízase na gastronomía e os feitizos das meigas. Din que ten propiedades de fertilidade, amor, diñeiro e sorte. Con todas estas ventaxas teremos que facer mais plantacións.
( foto  28-5-2010 NARBONNE  sur de Francia  )

26/6/10

Carcassone - Francia

Fortaleza Medieval que rodea a parte antiga da cidade. Foi declarada "Patrimonio Mundial" pola Unesco no ano 1997.
Tamén foi declarado Patrimonio Mundial no 1996 o canal que a atravesa a cidade chamado "canal Du Midi.

Fotografías feitas o día 30-5-2010

25/6/10

Costumes e tradicións


DESFILE DE CABALOS E CARRUAXES.
O día de San Isidro, patrón dos labradores celébrase, en moitos pobos de Catalunya, un pasa rúas.
As carruaxes son moi variadas, sempre significando a utilidade que antigamente dábaselle a cada un deles.
A vestimenta das persoas nestes desfiles é moi tradicional: boinas escuras ou vermellas, panos arredor do pescozo, camisas brancas ou de cadros e chalecos negros.
Nestas fotografías recóllese unha mostra do acontecido na comarca do Baixo Llobregat o dia 16 -5-2010

Hórreo erguido

Erguido moi erguido e non para que destaque a túa fermosura.Supoño que foi para facilitar o paso dos carros e outros apeiros.Ou quizás para estar mais ventilado e así secar mellor o froito.
¿E se foi para que non subiran os ratos? Co intelixentes que estes son, buscarán outro hórreo mais preto do chan.


Estou a pensar nos teus amos...Deus!cada vez que teñen que subir ou baixar! Lembraranse, mais de catro veces, do día en que decidiron poñerte en tal pedestal.




Iso sí, vixía que non te vexa o goberno pois mira a baixada dos xornais dos funcionarios e pensionistas.. Estamos en tempos que cho baixan todo, pero no teu caso, non serviría un real decreto, necesitaríase unha grúa de Fomento e tamén lle chegaron os recortes...polo tanto, segue tranquilo, nada que temer por uns anos.

21/5/10

PERICO E O SEU AMIGO DARWIN



Perico era un burro moi esvelto e presumido ,tratábase do único exemplar que había na súa aldea e nas aldeas do arredor, isto facíao ser moi querido, ademais compartía abeiro e pastoreo co as vacas do seu amo. Tiña un andar moi elegante cousa que o destinguía dos seus semellantes, sempre coas orellas guichas pendente do sucedido, o seu característico rebuznar non deixaba a ninguén indiferente, podía escoitarse nas aldeas do arredor e practicamente a todas horas.



A mediados do mes de Agosto, apareceu pola aldea un can chamado Darwin, corredor e ruador incansábel, que viña reprimido da gran cidade, encontrou neste lugar a liberdade que lle faltaba. Ladraba e ladraba para demostrar o contento que o facía estar entre árbores e a herba que lle servía para emborrallarse.


A natureza e o destino, mesturado cos rebuznes de Perico e os ladridos de Darwin fixeron que tanto un como outro se sentiran necesitados dun encontro. E isto foi o que aconteceu, Darwin saltou o balo de pedra que o separaba de Perico, e comezou a ladrar dando voltas o seu arredor, o burro, que tiña un perna atada cunha corda a un espeto, rompeu a corda da forza que fixo co susto dos ladridos do can. Comezaron a correr e a dar voltas o derredor da leira,ata que o cansazo fíxoos parar e o mesmo tempo reflexionar... O burro Perico no seu idioma díxolle o can : ¿ porque non somos amigos? E Darwin movendo o rabo dixo: “ e que eu so quero xogar contigo”, Perico baixou o fociño e o can comezou a ulilo e dando saltos de contentos empezaron a rirse un do outro,ja…ja…ja..


Perico, coa boca aberta, ensinando a súa dentadura, emborrallábase no chan, Darwin daba saltos por riba de Perico e facíalle cóchegas nas orellas. Deste xeito estiveron toda a tarde ata ben entrada a noite, e decidiron ir cada un para súa casa.Perico non durmiu en toda a noite pensando no seu novo amigo e movido pola curiosidade de que fará un can nunha gran cidade. Pola maña cedo o burro Perico decidiu ir ver o seu novo amigo Darwin para que lle contara cousas da súa cidade, que fai, como vive…Asomou a cachola por encima do valo e comezou a rebuznar, pero o seu amigo Darwin estaba preso cunha cadea para que non escapara, decisión que tomou o seu dono, polo acontecido o día anterior. O can o ver o burro comezou a ladrar e pedirlle o seu dono que o deixara ir co seu amigo. Finalmente decidiron poñelo en liberdade e Darwin botou a correr ó seu encontro. Moi ledos déronse uns bicos.



Perico pídelle que lle conte cousas da súa cidade, e empezou a explicar que el pasaba a vida na casa vixiando a mesma, “sácanme a paseo tres veces o día e vou atado cunha corda” explicaba Darwin. “Unha vez deixáronme solto e de tanta alegría corrín tanto que rompín unha perna”, engadiu. ”dáste conta que bou coxo?” contaba Darwin. “A vida na cidade non e como vos pensades,sempre de presa entre coches e ruídos,eu alí so podo verme cos meus amigos cando me sacan a pasear; En fin non me fagas falar mais, porque non imos xogar coma onte que estivo moi divertido?”. Perico que o escoitara con moita atención,baixou as orellas e dixo “sabes que che digo, amigo, xa non quero ir para cidade, eu aquí ando solto e non teño nin coches nin ruídos, como o que quero e onde quero, iso si faríame falla un amigo como ti” .

O día seguinte mais do mesmo: a correr, a emborrallarse, a xogar o escóndete...cando se cansaban deitábanse un o carón do outro a durmir a sesta. Así foron pasando as vacacións de Darwin o carón do seu amigo.


Chegou o día de voltar a súa cidade, como tódalas despedidas esta non podía ser diferente, Perico sentado no chan coas orellas gachas, o seu carón Darwin co ravo entre pernas deixando caer algunha que outra bágoa. Comprometéronse a seguir sendo amigos e a contarse por carta todo o que lles aconteza os dous e prométense ver o vindeiro ano. Darwin di que aproxima vez traeralle moitos regalos e Perico comenta que encargara un carro o carpinteiro para paséalo e lévalo a coñecer mais sitios, déronse uns bicos e entre choros descorre a despedida. ¿volveran a verse estes dous amigos? Contereino o vindeiro ano.




Para miña neta, que cumpre un ano.

Avó : Alfonso

17/5/10

SEÑORÍA

Sinceramente después de lo ocurrido creo que el mundo de la justicia tendría que reflexionar y hacerse la pregunta,¿ la justicia es justa ? en mi opinión creo que no. ¿Cuantas personas se estarán alegrando de lo sucedido? Me viene a la memoria los Gal, la operación Nécora, la lucha contra ETA y su entorno, el caso Gürtel, los crímenes cometidos por las dictaduras dentro y fuera de nuestra frontera y tantas otras causas que creo no es necesario comentar por ser de todos conocidas.



Señoría: Le deseo suerte en su caminar, le sugiero que no cambie, la razón y el reconocimiento a su trabajo por millones de ciudadanos de todo el mundo, debe de mantenerle firme en su forma de pensar y de administrar la justicia, como ha venido haciendo hasta ahora.



Hasta pronto Señoría.

15/5/10

TESOIRAZO

Chegou Zapatero coa tesoira e sen consultar con ninguén fainos o traxe á medida; No meu caso o traxe a medida fixéronmo cando casei e por certo iba ben cosido pois no medio da ceremonia caéronme dous botóns da petrina.E falando de traxes e dos nosos gobernantes... da gusto mirar o ben vestidos que van, din que alguns regálanllelos traxes, regalados ou non, van feitos uns perchas nunca mellor dito o de perchas, pois  seguro que nin as cremalleiras se lles baixan. Xa sabemos, todo ben cosido e ben atado, feito polos mellores costureiros, non como os xornais dos funcionarios e pensionistas,que atópanse baixados e descosidos e como non, conxelados. Que ninguén pense mal, que todo isto da conxelación, débese ao inverno deste ano, seica foi  moi frío, segue a ser frio e non sei, pero vainos costar entrar en calor.
Pero xa ven o que son as cousas, agora a oposición vólcase cos menos  favorecidos e convírtense nos defensores dos dereitos sociais, canta hipocresía, e nós satisfeitos de tanta bondade por uns e por outros.
Non sei que futuro nos deparará  pero con istes gobernantes penso que será mais negro que a ciza que está a escupir o volcán Islandés EYJAFJALLA. O outro día escoitaba falar entre dúas persoas, unha dicíalle a outra: "Que fixemos para ter istes administradores! " e a outra contestoulle: "elexímolos nós", e dixo a primeira: "tes razón e a quén botamos se non hai nada mellor".
Estou a recordar aquela frase do xeneral Moscardo,que dicíalle ao seu fillo que encomendara a súa ialma a Deus e morrera como un patriota; eu bou encomendar a miña, teño dúbidas a quen o que si sei e que non quero morrer como fillo do xeneral e menos de fame como o parecer pretenden alguns.

4/5/10

O CAMIÑO DO COUSO

Iste lugar utilizábase pra cruzar o río Ulla, por uns pasos de pedra, entre os concellos de ANTAS DE ULLA e PALAS DE REI. Un lugar con moita vexetación, tratábase dunha corredoira estreita que estaba mais baixa que os balos das chousas; Foi o lugar propicio pra todo tipo de lendas.



Sabel o zoqueiro que era un home que media case dous metros dicía que alcanzaba a ver ó seu carón, polas chousas, como brincaban catro lobos xuntos, e de cando en vez acercábaselle algún a lamerlle a pucha. De seguido contaba que lle aparecía un home vestido cunha xilaba branca que berrando en árabe, espantáballe os lobos cunha vara e alexábaos.

Cando Sabel chegaba a casa, escoitábaos ouvear enriba da pena grande, e pensaba: “os lobos e os mouros viñeron para quedarse e de feito nunca se foron”.



Facundo da Casanova lembraba que cando cruzaba o río, o día de San Roman de Coence, aparecíanlle, nesta mesma corredoira, catro cabaleiros moi ben vestidos que montando nuns cabalos pintados de negro non o deixaban avanzar e que para espantalos tiña que acender un fachuco de pallas e os cabaleiros ó ver o lume, botaban a galopar, non sen antes darlle cunhas corriscadas nas costas, con moito dor pero sen deixarlle marca.

Facundo sempre dicía que por iste camiño só se tiña que pasar se non había outro.



Antón de San Lourenzo tamén comentaba que varias noites, cando fora á pesca das troitas, cun trasmallo, o carón dos pasos de pedra que cruzan o río, sempre se topaba cunha dona vestida de negro cun pano na cabeza e un rabaño de ovellas vermellas que botándoas ó río non o deixaban pescar. Tiña que fuxir de presa, sen troitas que levar para os festeiros no día de San Lourenzo, pois unha das ovellas seica berraba: “bou-te comer carallo” e el sempre dicía que nesa ovella estaba encarnado o tolo de Villareda polo semellante da fala.

Datos personales