4/5/10

O CAMIÑO DO COUSO

Iste lugar utilizábase pra cruzar o río Ulla, por uns pasos de pedra, entre os concellos de ANTAS DE ULLA e PALAS DE REI. Un lugar con moita vexetación, tratábase dunha corredoira estreita que estaba mais baixa que os balos das chousas; Foi o lugar propicio pra todo tipo de lendas.



Sabel o zoqueiro que era un home que media case dous metros dicía que alcanzaba a ver ó seu carón, polas chousas, como brincaban catro lobos xuntos, e de cando en vez acercábaselle algún a lamerlle a pucha. De seguido contaba que lle aparecía un home vestido cunha xilaba branca que berrando en árabe, espantáballe os lobos cunha vara e alexábaos.

Cando Sabel chegaba a casa, escoitábaos ouvear enriba da pena grande, e pensaba: “os lobos e os mouros viñeron para quedarse e de feito nunca se foron”.



Facundo da Casanova lembraba que cando cruzaba o río, o día de San Roman de Coence, aparecíanlle, nesta mesma corredoira, catro cabaleiros moi ben vestidos que montando nuns cabalos pintados de negro non o deixaban avanzar e que para espantalos tiña que acender un fachuco de pallas e os cabaleiros ó ver o lume, botaban a galopar, non sen antes darlle cunhas corriscadas nas costas, con moito dor pero sen deixarlle marca.

Facundo sempre dicía que por iste camiño só se tiña que pasar se non había outro.



Antón de San Lourenzo tamén comentaba que varias noites, cando fora á pesca das troitas, cun trasmallo, o carón dos pasos de pedra que cruzan o río, sempre se topaba cunha dona vestida de negro cun pano na cabeza e un rabaño de ovellas vermellas que botándoas ó río non o deixaban pescar. Tiña que fuxir de presa, sen troitas que levar para os festeiros no día de San Lourenzo, pois unha das ovellas seica berraba: “bou-te comer carallo” e el sempre dicía que nesa ovella estaba encarnado o tolo de Villareda polo semellante da fala.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Datos personales