A diferencia do toxo, ti non pinchas, aínda que tedes cousas en común, coma as flores de cor amarelo, tamén as hai brancas,quen sabe, o mellor únevos algún parentesco! As dúas estades consideradas como especies depredadoras, sen embargo, de ti aproveitáronse para quentarse o carón do teu lume, aqueles que non tiñan outra leña, mellor dicir os mais proves, os que andaban a buscar garabullos no inverno." VAI A PENA DE VALIÑOS E CORTA UNHAS XESTAS PARA O LUME " unha frase feita dos que mais tiñan para falar dos que tiñan menos, a dicir verdade eras a leña dos mais humildes, coas túas polas facían cabeceiras, cestos, cubrían cubertizos, quentaches fornos, facías de escoba, tapabas furados... e na lareira dos ricos fuches despreciada, eles utilizaban leña de carballo,que era mellor e mais señorial.
E agora véxote en rúas e prazas, na liña divisora das autoestradas en definitiva decorando o noso entorno e vendo pasar os deportivos propiedade daqueles que protexeches da choiva, quentáchelles as canelas e que agora, levan a cachola tan erguida que non se decatan que ti aínda estas a perseguilos perfumando co teu cheiro a súa viaxe.Ante tanta utilidade eu declárote un ben de interese nacional.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario