28/10/10

Feira de Monterroso

Hai uns cincuenta anos,cando eu era un cativo,estaba desexando que chegara o día primeiro de cada mes para, conxuntamente co meu tío Marcelino, ir os dous axudar a despachar a casa dos meus tíos Eladia e Xesús, pois tiñan unha fonda e panadería en Monterroso .




Lémbrome que para min era moi divertido. O meu traballo consistía en encher botellas de viño para os comensais e o meu tío facía rebuxos de pan e conxuntamente co viño leváballelo á mesa. Con esta tarefa tiña contacto con outras xentes, que viñan doutras provincias no so de Galiza; atopábanse mercadores de Asturias,Cantabria, de Castela  León, Zamora) e incluso de Portugal...


Comprábase e vendíase de todo, o que mais abundaba era o gando. Organizábase en zonas segundo o tipo de mercadoría. Estou a lembrar a feira das ovellas e cabras ou mesmo o gando ovino, que atopábase onde na actualidade encontrámo-la sala de festas. A feira das vacas, cabalos e porcos ocupaban o que hoxe e a cúpula e todo o seu arredor. A feira dos queixos, coellos,pitas e ovos, lacóns, xamóns, etc. atopábase na estrada que vai para Taboada na Praza que hai frente o pazo do Xeneral Salgado, a feira da froita e cereais na Praza da Carballeira, detrás da casa Vázquez (esta casa, que actualmente, se atopa no medio do pobo, entón era das derradeiras de Monterroso) . Camiño de Lugo, a un kilometro e medio, atopábase a aldea de SeteIgrexas, hoxe unida a Monterroso e formando a mesma urbe. A feira de Santos celébrase o día primeiro de Novembro. En xeral, tódalas feiras tiñan moita actividade comercial, pero esta caracterizábase por aumentar en mais do dobre os visitantes.


O meu tío Xesús sempre estaba preparado nestas feiras, pois naquel entón, so existía unha entidade bancaria “Caja de ahorros y Monte de Piedad¨ e el facíalles de prestamista para todos aqueles que se habían excedido nas compras, coma tratantes de vacas e porcos, en definitiva, xente do negocio que na seguinte feira volvían a mercar e o mesmo tempo a devolver o prestado. Quero deixar moi claro que non lles cobraba ni unha peseta mais do prestado.Foron tantos os favores que fixo que, o día da feira, os tratantes facían cola para comer, mercar pan e ofrecerse ao que necesitara.Pechaban toda a súa amistade e agradecemento con un apretón de mans! Unha cousa parecida coma hoxe! Lémbrome tamén, que a feira de santos, case sempre facía mal día: chovía, vento, frío...incluso moitos anos neve, por iso o meu tío sempre tiña dúas ducias de paraugas, para deixárllelos aqueles que lle había esquecido: todo un home de negocio . E así, axudando os demais, o seu negocio prosperaba.


Penso que o meu tío fixo moito polo pobo, pois naquel entón, so existía a súa fonda e a súa panadería. Grazas a el, o visitante que viña unha vez, voltaba e ademais traia outro, e ese a outro... e así chegou Monterroso a ser coñecido mais alá de Galiza.


Opino que as autoridades municipais deberían adicarlle unha rúa a xente que, como o meu tío fixeron que o pobo medrara e chegara a ser o que é hoxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Datos personales