20/4/09

Subida ó Monte Farelo





Sistema recomendable: se pode facer a pe, ou en bicicleta.

Punto de partida: Alvidrón (LAR DOS AVÓS)
Punto de destino: Mirador na cima do Monte Farelo.
Tempo estimado en bicicleta(ida e volta) :2 horas e 25 minutos.
Distancia aproximada: 27,8 Km (15,4 para a ida e 12,4 para o regreso.
Tempo estimado a pe (camiñando ida e volta):4 horas e 50 minutos.
Cobertura telefónica: boa.
Tendo en conta que se trata de subir a un monte, aínda que se transitará por carreteras e pistas asfaltadas na maior parte do percorrido, quedará claro ó lector que se trata dunha ruta que precisa dun esforzo medio-alto. En todo caso paga a pena pola diversidade de monumentos e de vexetación que imos atopar. E se o facemos con calma -como se deben facer as cousas- ocuparemos de xeito excelente unha mañá.
Partimos da aldea de Alvidrón (LAR DOS AVÓS) dirección Antas de ulla,nesta vila colleremos pola N-640 con dirección a Pontevedra. Ó pouquiño de deixar as últimas casas de Antas ,con 4 Km percorridos, á nosa esquerda veremos o magnífico Pazo de Vilane. Pouco despois chegaremos ó lugar de Castro de Amarante(Km 5,5) (berce dos Condes do mesmo nome), onde nos desviaremos á esquerda para subir polo medio da aldea, por onde nos guiarán as balizas de sinalización , podendo visitar a sua magnífica Igrexa sin apenas desviarnos da ruta. Dende alí pódese observar tamén a Fortaleza de Amarante.
Continuamos pola carretera que nos levará ata San Fiz ( Km 7), No cruce seguiremos o indicador de Bellós e Santa Cristina.Nesta aldea atópase unha excelente mostra de hórreos típicos do interior de Galicia, sobre cepa de mampostería ou sobre muretes de sillería, construidos con costais de madeira. Na continuación do noso camiño, ainda divisando as últimas casas de San Fiz e albiscando xa as da aldea de Bellós, estaremos diante dunha das paisaxes mais fermosas, recomendando deter o noso camiño para observar un verdadeiro agasallo para os ollos: á esquerda a frondosidade das chousas de carballos e castiñeiros, xunto co verde intenso dos pastizais; á dereita podemos ver a grandeza e o señorío do "Pai Farelo"... coroado dende o 2005 por un parque eólico.
Unha paradiña virá ben para acopiar forzas, xa que a subida por Bellós (Km 8,3), ata Ermide (no Km 9,5) notarase nas pernas. Chegados a esta aldea, xa co monte moi perto de nós, continuaremos ata Santa Cristina (Km 10,2). Tomando dirección á dereita, sempre guiados xa pola visualización do Farelo chegaremos ó lugar de A Somoza (Km 11), último núcleo de poboación que atoparemos antes de acadar o cumio.
Xiraremos á dereita facendo caso do indicador que nos sinaliza "Monte Farelo" e Parque eólico.
Sin deixar a zona asfaltada, e seguindo as sinais horizontais a pe de carretera non teremos perda xa metidos de cheo no Farelo, entre os “muiños” de vento que o poboan. No km 13,5 deixaremos o firme de asfalto, para continuar por pista de terra pola dereita, tendo como guía e obexctivo o último dos “muiños” e seguindo as sinais acadaremos o cumio no Km 15,4.
Alí atópase un pequeno mirador, moi perto dun Vértice Xeodésico.
Deixamos aquí a nosa descripción, para que sexa vostede quen descubra o que dende aquela privilexiada atalaia poida ver...
Eso sí, se foi provisto de prismáticos, e a claridade do día o permite, moito mellor!!!.
Para o regreso (que evidentemente ha ser mais doado, recomendamos -ó chegar a Santa Cristina (Km 7,8 de volta) - en vez de tomar o camiño de ida desviándonos á esquerda cara Ermide, continuar de frente seguindo a carretera que nos trae de A Somoza. Dese xeito pasaremos pola aldea de Nugallás No Km 9,1 , e así o camiñante ou ciclista poderá afirmar que de certo estivo no Centro Xeográfico de Galicia, ubicado nese lugar, segundo cálculos feitos polo Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA).
Alí, á man esquerda da nosa marcha , a carón da carretera mesma, hai outro magnífico hórreo tradicional de Antas cos seus catro "claros", suspendido sobre cinco muretes de sillería e coroado por unha cruz latina resarcelada e un lampeón fusiforme.Podedes facervos unha foto tamén a carón do valado co hórreo de fondo...
Dende Nugallás, pasando por Veloín e por O Carballo(km 10,9) chegaremos de novo a Antas de Ulla, unha vez no centro da vila colleremos para regresar a carretera que fixemos servir para a ida, a (3km Alvidrón-LAR DOS AVÓS).
(Percorrido total: 27,8km)

1 comentario:

  1. Hola,

    Jo també he pujat al Monte Farelo, i les vistes de la Galicia central són espectaculars!és molt recomanable!

    Enhorabona pel blog!
    Una catalana, filla de pares gallecs.

    ResponderEliminar

Datos personales