14/12/09

O galo gañador



“Hai galo que ben estás no medio de tantas galiñas” quen che ía dicir que gañaría-lo primeiro premio...Nin ti, nin os teus compañeiros podíadesvos imaxinar, que seriades visitados polas autoridades e expostos á tanta xente. Curiosos que non deixan de mira-las pernas azuis, o plumaxe e a crista grande e roxa , o máximo encanto o teu corpo.
Enxaugáronte pra que non te escapes, como se dun delincuente se tratara e todo o mal que ti fixeches, foi namorarte dunhas pitas nun galiñeiro sabe Deus onde... “ canto te votaran en falla”. Olla non acabes como case todo nestas datas do Nadal, primeiro cébante, vas a concurso, despois expoñente e o final acabas no pucheiro dalgún seareiro. Desexo equivocarme e poder verte o próximo ano concursando e gañando outro premio.

11/12/09

Beleza exterior


Nada mellor que adozarnos cos ricos manxares deste forno-docería e como non, contemplar a beleza da fachada, enriquecedora do noso pasado.

7/12/09

NADAL



Avenidas iluminadas, escaparates adornados e a petar de atractivos regalos, rúas cheas de xente cargadas de bolsas con compras, moitas delas sen sentido e con pouco ou ningún proveito; en definitiva manipulación e mais manipulación.Da a sensación que só comemos, e mercamos regalos por estas datas.Non sería mellor un consumo sostido que axudara a conservación e mantemento dos recursos deste planeta?
Loitemos por un consumo razoable e por unha mellor calidade de vida,non nos deixemos levar polas mensaxes publicitarias."Consumamos só aquelo que realmente precisamos".

PARADOXOS



A fotografía reflexa os paradoxos da vida"Non so de pan vive o home"Tamén de evitar os riscos laborais. Isto é o que está a facer no día de hoxe esta oficina, antiga panadaría.

23/11/09

Noites de inverno co tío Marcelino

Lémbrome daquelas noites de inverno, o carón da lareira, escoitando os contos do meu tío Marcelino que, sempre remataban ofrecendo cinco pesos o rapaz que dera unha volta arredor do cemiterio. Os cartos xa nos gustaban pero o medo podía máis e o meu tío esnaquizándose de risa, gardábaos no peto pra outra mellor ocasión.

¿Que teñen os cemiterios que tanto medo nos dan? a resposta é ben sinxela , manternos lonxe canto máis tempo mellor, pois tempo teremos de descansar neles e de atoparnos co tío Marcelino pero non coa moeda de cinco pesos que, a ben seguro quedou na casa, a morte é o que ten, non che da tempo a coller nin a levarte nada.

E todo isto pasaba quentándonos o carón do lume, mentres os homes da casa xogaban a brisca, as mulleres arranxaban a cea, os nenos carretabamos leña e o lume non deixaba de facer brasa, pra que o caldeiro dos nabos, cocera canto antes .


Nunha angarela, preto do caldeiro, atopábase colgando un aparello cadrado, que non tiña nome; Fora feito polo meu avó, aproveitando unha lata de pemento que se comprou pra mesturarlle á zorza e facer os chourizos,. Enchiamola de castañas, achegabámoslle lume e despois de non moito tempo, rematada a partida de cartas dos homes da casa e dalgún outro da aldea, comezábamos a degusta-lo magosto, sempre acompañado polo viño tinto, que se dicía: "é moi dixestivo". Os rapaces so podíamos beber un vasiño pequeno mesturado con auga e antes de ir a durmir, outro vaso, neste caso de leite.

Así que coa barriga chea, o lume dicindo adeus e a noite moi encima, ibamos todos pra cama ata o próximo día.

18/11/09

A CRISI PRA ALGUNS NON É CRISI

Como pódese ver, trátase dunha sucursal da caixa Castilla la Mancha situada onde non fai moito tempo, atopábase unha farmacia modernista.
Quero pensar que os directivos fixérono con toda a intención. Xa sabedes que onde houbo, sempre queda, así que as paredes aínda terán gusto de antibiótico e iso favorecerá tanto os traballadores da entidade coma os clientes: os empregados atoparánse en perfecto estado de saúde e poderán explicar con toda claridade os porcentaxes das comisions; O mesmo tempo, os clientes que entren enfermos sairán sans e salvos.Ben, ” ...O que é salvos…” salvar, salvámolos os españois, a esta entidade non fai moito, cunha aportación duns cantos millóns de euros.
Como se pode apreciar teñen bo gusto na ubicación da actividade.

O QUE QUEDA DA FARMACIA

Como pódese ver na fotografía, xa non se pode entrar a mercar medicinas; Dentro, temos roupa de abrigo que neste tempo, tampouco vai nada mal para protexernos dos fríos do inverno.
Neste caso parabens ó Concello, pois aínda que so é a fachada , protexeu un ben modernista, de incalculable valor.

8/11/09

Imaxinación


Davant del Palau de la Música, trobem una plaça que s'anomena
Lluís Millet, aquest és la seva denominació habitual, però algú ha estat creatiu i l'ha rebatejat, posant-li un altre nom dels clan Millet, en aquest cas, Fèlix, però substituint el seu cognom per Billet. (Com es pot observar en la fotografia).

A la persona o persones que responsables de tal enginy, els hi envio la meva felicitació, i jo, a més a més, afegiria de segon cognom
Pocavergonya.

Diante do Palacio da Música, atópase unha pequena praza, chamada Lluis Millet, pero alguén ocorréuselle, moi acertadamente, poñerlle o nome doutro Millet, neste caso, Felix, e ademais, cambiarlle o apelido por Billet "de billetes" (Como pódese ver na fotografía).

A persoa ou persoas responsables desta anécdota enxeñosa, a miña felicitación, pero eu ademais de segundo apelido engadiría
Caradura.



26/10/09

O home que mercaba case todo




Cándido foi unha personaxe polifacética e boa coñecedora das cousas que tiñan valor e das que non o tiñan. Mercaba de todo, pero a súa preferencia era o ouro, especialmente moedas, pendentes e reloxos, todo o relacionado con este precioso metal e tamén os santos vellos, tallas en madeira nobre e con traballos moi elaborados.
Viaxeiro incansábel percorría coa súa carteira de coiro tódalos mercadillos de España, dicía que o mellor atopábase en Barcelona, na Praza Das Glorias, chamado mercado do Bellcaire, comentaba que soia ser lugar moi frecuentado por xente doutros países que viña a mercar cousas antigas.

Iste home alto e corpuleto, era moi protexedor da Natureza, daba boa mostra de isto, no seu xardín, frondoso luar cuberto de moitas especies vexetais; por destacar algunha: buxos, acibros , loureiros e tantas outras, todas elas, hoxe protexidas. Aniñaban nelas toda crase de paxaros: xilgueiros, merlos, papos rubios, canarios etc, Lémbrome que debaixo dos buxos tiña os seus bancos pra sentarse a contemplar tanta fermosura paisaxística. Nun dos recunchos había unha mesa pequena onde poñía as pezas mercadas e con moita maestría, ollábao todo cos seus anteollos de prata.
As raiolas de sol que se colaban polo frondoso xardín facían resplandecer as moedas de ouro e os pendetes que soia mercar as mulleres das aldeas. Lémbrome que unha tía miña, tiña uns pendentes feitos de moedas de ouros que lle regalara un tío meu que estivera nas Americas. Cándido ofrecíalle mil pesetas por eles, pero a miña tía sempre dicía o mesmo, que se trataba dun regalo e non pensaba vendelos. Cada certo tempo intentábao de novo e así foron pasando os anos sen conseguir os preciados pendentes.

Cando mercaba algún reloxo, case sempre viña a ensinarllo o meu pai, coma o meu avó fora reloxeiro, Cándido sempre dicía que” onde houbo sempre queda “ e o meu pai constestaba que el de reloxos non entendía, que el tiña unha adega e era so,un bo coñecedor do viño.
Unha das veces Cándido trouxo ademais, un santiño pequeno que mercara en Valdeporrás; ofreceullo o meu pai para que lle protexera a adega, dicía que era San roque e o meu pai, que ía tódolos s anos a festa a Melide, dicía que non se lle parecía en nada. A venta non se fixo e o santiño foise co seu dono.
Pasadas unhas semanas chegaron pola aldea, outros mercaderes ben distintos: “os xamoneiros”, xente que viña a cabalo a merca-los xamóns. Como cada ano, feita a compra dos mesmos, tiñan parada obrigada na adega. Repoñían forzas con pan, chourizo, queixo e viño...pero a sorpresa foi cando vin colgando dos cabalos, entremedio dos xamóns, o santiño, que un distes homes lle cambiou a Cándido por dous xamóns. Xa vedes o que é a vida: o santo a protexe-los cabalos e os xamóns a protexe-lo bandullo de Cándido.

A súa muller María sempre dicía "iste home para pouco na casa", razón non lle faltaba pois a súa vida de mercader levábao de pobo en pobo, en busca daqueles tesouros que él tanto apreciaba.

Os anos foron pasando e Cándido, fíxose vello. Un día de inverno, lonxe do seu fogar e non preto do seu xardín, nunha das pousadas que facía servir para o seu repouso, ficou o carón da súa compañeira de viaxe: a carteira de coiro gastada polas andainas ó longo dunha vida.

6-06-2009

20/10/09

A Nugalla

 Cando eu era rapaz, preguntaba os meus pais que significaba ista pequena escultura de pedra, eles sempre dicían o mesmo, trátase da “nugalla” e de seguido engadían:"Fíxate ben, é unha persoa que ten unha man na boca e outra no cu, pois iso quere dicir que é unha preguiceira, non quere traballar, logo non pode comer e chámanlle “nugalla”.
Teño preguntado a mais dun crego e ninguén soubo darme resposta.
Penso que agora xa a teño, deuma un periodista e escritor: Josep mª Espinás.
Naquel entón era moi doado que nas igrexas e demáis construcións Medievais, os albaneis deixaran estas pequenas esculturas significando o desprezo polas persoas que lles pagaban míseros xornais. Como pódese imaxinar non tiñan outra maneira de protestar, había forte represión exercida polos poderes eclesiásticos.

Esta fotografía esta feita no exterior da igrexa de Alvidrón, na entrada, a Nugalla está a man esquerda, a altura do tellado.

11/10/09

Conserva de castañas


Primeiro: Preparamo-los potes de cristal, que sexan de peche hermético, eu adoito aproveita-los que mercamos con garavanzos ou outras legumes,. Teñen que estar moi limpos e esterilizados.Se non temos máquina de esterilización podemos facelo en auga fervendo, sempre con moita hixiene.
Asámo-las castañas, procurando que non estean queimadas .Se quedan pouco feitas tamén nos serven.
Sacámoslle-la cáscara e imos meténdoas nos potes que xa teremos limpos e esterilizados.

Segundo: preparamo-lo almibar:
1 litro de auga.
600 gramos de azucre branco.
1 cullerada grande de zume de limón.

Todo isto nun cazo ó lume ata que se disolva o azucre.Tempo aproximado uns 10 minutos.
Sen deixalo enfriar, verterémo-lo almíbar nos potes de cristal, onde xa se atopan as castañas. Débese deixar medio centímetro sen chegar a tapa e as castañas deben quedar totalmente cubertas polo almíbar.
Apretámo-la tapa e poñemo-los potes ó baño maría uns cinco minutos. A continnuación deixámolos enfriar. Gardalos en sitio fresco.

Unha vez abertos hai que consumilas.

O sabor é excelente e o tempo de conservación 12 meses.
A elaboración é moi sinxela e sirve para acompañar todo tipo de carnes en calquer mes do ano. Usar este produto é todo un luxo.
Que vos aproveite.

6/10/09

CALZOLAIO



Zapateiro remendón :Profesión que tende a desaparecer pero que a crise fai que volva rexurdir. Fai anos era un dos lugares máis frecuentados, atrévome a dicir mais que as tabernas, “quen non pasou por un zapateiro pra que lle arranxara algo”
Lémbrome dos cheiros característicos do coiro e dos tintes pois non deixaba a ninguén indiferente.
Foto foi feita en Italia.

5/10/09

Tempo de magosto



Como é costume a finais do mes de outono, primeiros de Samartiño, comeza a caída das castañas sacudidas polos ventos do noroeste e as choivas do inverno.
En tódalas aldeas de Galiza comezan as xuntanzas dos veciños pra face-los magostos en noites de serán, onde non faltan ademais das castañas, outros manxares como as rosquillas, as filloas ...Todo regado pola chegada do viño novo."Noite de troula e lembranza".
Pódese observar nesta fotografía que os ricos manxares non teñen fronteiras, neste caso trátase dun posto de venta nunha ciudade centro Europea, eso sí, non son castañas Galegas e o que as fai non é de Seoane.

2/10/09

A BOCA DA VERDADE



Esta cara redonda de marmól, chámase A BOCA DA VERDADE atópase na Igrexa de Santa maría de Cosmedín en Roma, din que se utilizaba na época medieval pra castigar as persoas que habían delinquido.Facíanlles meter a man na boca, se non dicía a verdade, a pedra cortáballe a man.
Estou a recordar aquel dito que moita xente tira a pedra e esconde a man, nesta lenda o contrario metes a man e a pedra coidase de cortala.

Din dos galegos...




Din dos Galegos que cando nos atopamos nunha escaleira non se sabe se subimos ou baixamos.Pois neste caso podo asegurarlles que baixa.NON TEÑAN NINGUNHA DÚBIDA.

17/9/09

Moita Imaxinación



¿Que fixeches pra que te escondan? Quizais non tes o atractivo doutros!
Que inxusta é a vida, tantos anos aprobeitándose de ti e agora que vas vello e a vestimenta xa non luce, escóndente, franqueado por uns bloques de cemento, coma se de guardians se tratara,pra non deixarte rebulir.Parece que so os catalogados e ben feitos poden exhibirse e ser fotografiados polos mais entendidos.

Opinión: Hai cousas que estan mellor escondidas que a vista.

22/8/09

Visita ao Mercado Medieval en Agolada




Punto de partida: LAR DOS AVÓS.

Sistema recomendable: En bicicleta ou en coche.
Tempo estimado en bicicleta (ida e volta) 2 horas e media
Distancia aproximada: 30 km, ida e volta.
Cobertura telefónica boa.

Partimos da aldea de Alvidrón (LAR DOS AVÓS) dirección a Antas de Ulla,nesta vila colleremos a dereita pola N-640 con dirección a Pontevedra. O pouquiño de deixar as derradeiras casas de Antas, con 4 km percorridos, a nosa esquerda atópase o pazo de Vilane. Pouco despois chegaremos ó lugar de Castro de Amarante, (km 5,5 ) (berce dos Condes do mesmo nome) seguindo po la mesma estrada a esquerda podemos observar a Fortaleza de Marante.
E seguindo pola mesma estrada N 640 chegaremos ao límite das provincias de Lugo e Pontevedra na serra do farelo.Unha vez metidos na provincia de Pontevedra pasaremos pola aldea das Trabancas e deseguido nos atoparemos na vila de A golada,xusto no medio do pobo atópase un cruce onde nos indica a man dereita Melide, debemos de coller a esquerda pra adentrarnos no pobo, deseguido topamos unha praza con unha fonte no medio, en frente o edificio do Concello e a nosa esquerda o mercado medieval.
Voltaremos polo mesmo itinerario ao lugar de orixe.LAR DOS AVÓS.

30/7/09

O Ceo non fala galego



En Galiza é moi doado ver necrolóxicas, nas árbores, cruceiros e lugares de paso de veciños, anunciándose o falecemento ou cabo do ano dalgún parroquiño.
Pra xente de fora, este uso é moi rechamante. Estou a lembrar o libro de Josep Mª Espinás "A PE POR GALIZA" onde fala, entre outras cousas, do sorprendente que foi pra el atoparse cunha necrolóxica, colgada dun carballo, no campo da festa de Santa Mariña. Aproveito pra recomendarvos este libro, pois trátase dun percorrido por diferentes Concellos, pero básicamente das andanzas do autor pola Comarca da Ulloa.
O que si me chama atención é que so vexo necrolóxicas editadas en castelán, como se Deus non entendera a nosa lingua e nós tivéramos medo a ser condenados ao inferno.
Estou a pensar que a normalización lingüística non chegou as funerarias nin as celebracions propias da Igrexa, dígase misas, casamentos, bautizos,comunions etc.
Confeso, sí, rezo pouco, pero penso incrementar as oracións, pra que no Ceo poidan facer un curso básico de Galego,que nos permita entendernos con Deus, na procura de alcanzar a vida eterna, que no meu caso boa falta faime.

28/7/09

SAN IAGO - DIA NACIONAL DE GALIZA




Miña terra,miña terra, terra donde meu criei,
hortiña que quero tanto
figueiriñas que prantei,

¡Adios groria! ¡Adios,contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso

por un mundo que non vin!

Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen poidera no
n deixar...!

Que fermosas verbas de Rosalia de Castro pra unha ocasión coma hoxe, día grande na nosa Terra, patria de tódolos Galegos: Pra os que viven nela, están a gozar das pasarúas, dos gaiteiros, orquestras e outros animadores, pra os que están fora, canta tristura por estar lonxe dela,nun día tan sinalado.
A ti, San Iago, fágoche un pregunta: porque escolliches esta terra pra quedarte? Non mo digas, xa o sei, a tranquilidade e bondade desta xente fixeron o acougo da túa alma e o repouso do teu corpo. Canta envexa me das, patrón, eu non quero ser menos que ti, desexo que o meu corpo repouse tamén nesta miña terra.
Sempre escoito nas homilías que che piden moitas cousas, entre elas que ilumines o camiño dos gobernantes (non te deixan descansar nin despois de morto). Eu tamén quero pedirche que coides dos galegos e galegas, moitos deles polo mundo adiante en procura dunha vida mellor, seguramente porque o camiño que lle iluminaches aos gobernantes foi en proveito propio esquecéronse de tódolos paisanos, deixando que os homes e mulleres deste pobo aínda teñan que emigrar lonxe deste País chamado GALIZA.

NO DIA NACIONAL DE GALIZA- VIVA A NOSA TERRA.

25-07-09

9/7/09

Cocido Galego

Ingredientes para seis persoas:
1kg de falda de tenreira.
1 orella de porco.
1kg de lacón.
500grs de costela de porco salada.
4-o-6 chourizos.
Media cacheira de porco.
1 polo cortado en catro cachos.
1 repolo "verdura de 1,5kgs" tamén pode ser de grelos.
500kgs de garavanzos.
2-3 patacas por persoa.

Preparación:
O día de antes, poñeremos en remollo o lacón, a orella, a costela e a cacheira do porco.
Dúas ou tres horas antes, poñeremos, nunha pota grande, auga a ferver e meteremos tódolos ingredientes menos os chourizos, as patacas e a verdura. Os garavanzos metémolos nunha bolsa e poñerémolos a cocer,conxuntamente, coa carne.
Segundo se van cocendo ímolos sacando á unha fonte.Cando teñamos todo isto cocido e na fonte,a auga deste caldo agregámoslla aos chourizos e a verdura, media hora máis tarde ás patacas,pasada unha hora máis ou menos, xa estará listo.Apagámolo lume e metemos durante cinco minutos tódolos ingredientes na pota.
Finalmente para presentalo na mesa: Sacámolos ingredientes e poñémolos en diferentes fontes, por exemplo as carnes de porco xuntas,a de tenreira e polo noutra fonte, os chourizos conxuntamente cos garavanzos e as patacas soas noutra fonte (Como se pode ver na fotografía) Recoméndovos facelo no inverno, pois leva moitas calorías.

Datos personales