29/9/10

O FUXITIVO RAMIRO

 Recen acabada a guerra civil Española, moitas persoas estaban fuxidas, algunhas delas vivían en zulos feitos na casa ou nos montes. Iste caso que estou a comentar, transcorreu nunha aldea chamada Desentober na parroquia de Lavecer. Neste lugar vivía unha familia moi probe chamada “os felaid”; Tiñan un fillo único, Ramiro, que estaba casado con Filomena. Vivían cos pais del: Manoel e Felisa.




Ramiro que desertara do servicio militar para non ir a guerra, atopábase fuxido da xustiza que o buscaba incansábel día e noite (mais de noite ca de día, por ser esta propicia para adentarse na aldea e facer serán coa súa familia).


Pero sempre hai alguén disposto a colaborar e delatar as visitas polas noites que lle facía a súa familia.A dicir verdade nunca se soubo quen fora o delator, as culpas botábanllelas a Celestino, o irmán mais vello dos catro que vivían na casa grande “dos piñeiro”. El sempre o negou.


Casualidade ou non, a Garda Civil soia facer mais dunha parolada o carón da lareira, na casa dos Piñeiro, e como Celestino falador era moito, mais dunha vez, seguramente, se lle escaparía que o seu veciño Ramiro baixaba do monte a facer algunha visita ós seus. Razón non lle faltaba pois Ramiro baixaba moitas veces e moitas delas non so eran visitas familiares, senón que tamén se adentraba noutras casas doutras aldeas, xa que a fame facíano ficarse en mais dunha despensa a comer chourizos e touciño ata encher o bandullo.


O día do aniversario da súa nai decidiu achegarse pola noite a casa dos pais a compartir cea. A Garda Civil que de cando en vez dábase unha volta pola aldea, sabedores desta data ou avisados por alguén, decidiron alá polas dúas da mañá rodear a casa e intentar coller o fuxido.A presa estaba dentro. Comezaron os verros do brigada: “ Ramiro sae, sabemos que estás, sae coas mans en alto, non vamos a dispararche”. Ramiro, que sabía da recompensa que tiña a captura dun fuxido (cen pesetas e unha semana de permiso), escoitando a voz do brigada pensou “se saio son home morto, aguantarei todo o que poida”.


A súa nai Felisa decidiu saír pola fiestra e dicirlles aos gardas "non está na casa, fai mais dun ano que non sabemos nada de el”, “non sabemos se está vivo ou morto”, engadiu. A todo isto, o seu fillo fixo un burato na parede que comunicábase co palleiro de palla, atravesouno e valéndose da escuridade logrou fuxir.


Cando a Garda Civil decidiu entrar na casa, el xa non se atopaba e o seu pai Manoel, xa puxera as pedras do furado no seu sitio como se non houbera pasado nada. Os gardas remexérono todo: os armarios, debaixo das camas, enriba no faio, no vertedoiro ( que atopábanse uns pratos sen lavar e algúns restos de comida)... O brigada, coa rabia, rompeuno todo, ata un refaixo de Filomena que sacara pra darse un arrechucho co seu marido Ramiro.


Pasaron varios anos e Ramiro seguía sen aparecer ante a xustiza, e ela sen esquecerse de Ramiro. O 11 de Novembro do 1941, o crego de Lavadoiras a cabalo da súa besta, dende a altura que esta lle proporcionaba, ollou un home emporcallado detrás dunha xesta ó pe da cuneta da estrada, como se dun borracho se tratara,. Acercouse a el e decatouse que era o fuxitivo Ramiro. Decidiu poñelo en coñecemento da Garda Civil, estes acompañados do crego situáronse doutro lado da estrada e dispararon cos seus fusís, cando se acercaron puideron observar que eles non lle deran morte, a autopsia confirmou que morrera por unha pneumonía e non polos disparos dos gardas civís. O crego non lle deu a extremaunción xa que para a Igrexa tratábase dun bandoleiro e estes non teñen sitio no paraíso, ata tiveron que enterralo de noite, nun cemiterio alleo, a escondidas do crego e das autoridades.


Descanse en paz Ramiro.


Nesta foto pódese ver o cruceiro que a súa familia levantou no seu nome.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Datos personales