26/10/09

O home que mercaba case todo




Cándido foi unha personaxe polifacética e boa coñecedora das cousas que tiñan valor e das que non o tiñan. Mercaba de todo, pero a súa preferencia era o ouro, especialmente moedas, pendentes e reloxos, todo o relacionado con este precioso metal e tamén os santos vellos, tallas en madeira nobre e con traballos moi elaborados.
Viaxeiro incansábel percorría coa súa carteira de coiro tódalos mercadillos de España, dicía que o mellor atopábase en Barcelona, na Praza Das Glorias, chamado mercado do Bellcaire, comentaba que soia ser lugar moi frecuentado por xente doutros países que viña a mercar cousas antigas.

Iste home alto e corpuleto, era moi protexedor da Natureza, daba boa mostra de isto, no seu xardín, frondoso luar cuberto de moitas especies vexetais; por destacar algunha: buxos, acibros , loureiros e tantas outras, todas elas, hoxe protexidas. Aniñaban nelas toda crase de paxaros: xilgueiros, merlos, papos rubios, canarios etc, Lémbrome que debaixo dos buxos tiña os seus bancos pra sentarse a contemplar tanta fermosura paisaxística. Nun dos recunchos había unha mesa pequena onde poñía as pezas mercadas e con moita maestría, ollábao todo cos seus anteollos de prata.
As raiolas de sol que se colaban polo frondoso xardín facían resplandecer as moedas de ouro e os pendetes que soia mercar as mulleres das aldeas. Lémbrome que unha tía miña, tiña uns pendentes feitos de moedas de ouros que lle regalara un tío meu que estivera nas Americas. Cándido ofrecíalle mil pesetas por eles, pero a miña tía sempre dicía o mesmo, que se trataba dun regalo e non pensaba vendelos. Cada certo tempo intentábao de novo e así foron pasando os anos sen conseguir os preciados pendentes.

Cando mercaba algún reloxo, case sempre viña a ensinarllo o meu pai, coma o meu avó fora reloxeiro, Cándido sempre dicía que” onde houbo sempre queda “ e o meu pai constestaba que el de reloxos non entendía, que el tiña unha adega e era so,un bo coñecedor do viño.
Unha das veces Cándido trouxo ademais, un santiño pequeno que mercara en Valdeporrás; ofreceullo o meu pai para que lle protexera a adega, dicía que era San roque e o meu pai, que ía tódolos s anos a festa a Melide, dicía que non se lle parecía en nada. A venta non se fixo e o santiño foise co seu dono.
Pasadas unhas semanas chegaron pola aldea, outros mercaderes ben distintos: “os xamoneiros”, xente que viña a cabalo a merca-los xamóns. Como cada ano, feita a compra dos mesmos, tiñan parada obrigada na adega. Repoñían forzas con pan, chourizo, queixo e viño...pero a sorpresa foi cando vin colgando dos cabalos, entremedio dos xamóns, o santiño, que un distes homes lle cambiou a Cándido por dous xamóns. Xa vedes o que é a vida: o santo a protexe-los cabalos e os xamóns a protexe-lo bandullo de Cándido.

A súa muller María sempre dicía "iste home para pouco na casa", razón non lle faltaba pois a súa vida de mercader levábao de pobo en pobo, en busca daqueles tesouros que él tanto apreciaba.

Os anos foron pasando e Cándido, fíxose vello. Un día de inverno, lonxe do seu fogar e non preto do seu xardín, nunha das pousadas que facía servir para o seu repouso, ficou o carón da súa compañeira de viaxe: a carteira de coiro gastada polas andainas ó longo dunha vida.

6-06-2009

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Datos personales