28/10/10

Feira de Monterroso

Hai uns cincuenta anos,cando eu era un cativo,estaba desexando que chegara o día primeiro de cada mes para, conxuntamente co meu tío Marcelino, ir os dous axudar a despachar a casa dos meus tíos Eladia e Xesús, pois tiñan unha fonda e panadería en Monterroso .




Lémbrome que para min era moi divertido. O meu traballo consistía en encher botellas de viño para os comensais e o meu tío facía rebuxos de pan e conxuntamente co viño leváballelo á mesa. Con esta tarefa tiña contacto con outras xentes, que viñan doutras provincias no so de Galiza; atopábanse mercadores de Asturias,Cantabria, de Castela  León, Zamora) e incluso de Portugal...


Comprábase e vendíase de todo, o que mais abundaba era o gando. Organizábase en zonas segundo o tipo de mercadoría. Estou a lembrar a feira das ovellas e cabras ou mesmo o gando ovino, que atopábase onde na actualidade encontrámo-la sala de festas. A feira das vacas, cabalos e porcos ocupaban o que hoxe e a cúpula e todo o seu arredor. A feira dos queixos, coellos,pitas e ovos, lacóns, xamóns, etc. atopábase na estrada que vai para Taboada na Praza que hai frente o pazo do Xeneral Salgado, a feira da froita e cereais na Praza da Carballeira, detrás da casa Vázquez (esta casa, que actualmente, se atopa no medio do pobo, entón era das derradeiras de Monterroso) . Camiño de Lugo, a un kilometro e medio, atopábase a aldea de SeteIgrexas, hoxe unida a Monterroso e formando a mesma urbe. A feira de Santos celébrase o día primeiro de Novembro. En xeral, tódalas feiras tiñan moita actividade comercial, pero esta caracterizábase por aumentar en mais do dobre os visitantes.


O meu tío Xesús sempre estaba preparado nestas feiras, pois naquel entón, so existía unha entidade bancaria “Caja de ahorros y Monte de Piedad¨ e el facíalles de prestamista para todos aqueles que se habían excedido nas compras, coma tratantes de vacas e porcos, en definitiva, xente do negocio que na seguinte feira volvían a mercar e o mesmo tempo a devolver o prestado. Quero deixar moi claro que non lles cobraba ni unha peseta mais do prestado.Foron tantos os favores que fixo que, o día da feira, os tratantes facían cola para comer, mercar pan e ofrecerse ao que necesitara.Pechaban toda a súa amistade e agradecemento con un apretón de mans! Unha cousa parecida coma hoxe! Lémbrome tamén, que a feira de santos, case sempre facía mal día: chovía, vento, frío...incluso moitos anos neve, por iso o meu tío sempre tiña dúas ducias de paraugas, para deixárllelos aqueles que lle había esquecido: todo un home de negocio . E así, axudando os demais, o seu negocio prosperaba.


Penso que o meu tío fixo moito polo pobo, pois naquel entón, so existía a súa fonda e a súa panadería. Grazas a el, o visitante que viña unha vez, voltaba e ademais traia outro, e ese a outro... e así chegou Monterroso a ser coñecido mais alá de Galiza.


Opino que as autoridades municipais deberían adicarlle unha rúa a xente que, como o meu tío fixeron que o pobo medrara e chegara a ser o que é hoxe.

22/10/10

XOANIÑA


Lémbrome desta historia que me contou a miña nai e que sucedeu nunha aldea de nome Poucavergoña.




O 28 de febreiro do ano 1913, naceu nunha familia moi probe, unha nena que nomearon Xoaniña. Como era filla de moza solteira (e estes embarazos estaban moi mal vistos polo entorno veciñal e familiar) non se lles ocorreu outra cousa que, alá pola media noite, abandonar a meniña recen nacida envolta nunha toalla diante a porta da casa dunha veciña. A muller que atopábase durmindo, escoitou chorar, e sen pensalo votouse da cama e correu ao rescate da neniña. A veciña, sospeitaba quen fora o que lle deixara aquel fermoso regalo e foi petarlle á porta. Iniciouse unha discusión polo sucedido e esta boa muller ameazou a familia con denuncialos feitos.


O día seguinte pola mañá, a veciña contoulle os feitos ao curmán da nai da nena, que vivía a dous kilómetros na aldea do lado. Este, a cabalo da besta, acercouse a casa da familia de Xoaniña para levarse con él a meniña; Así foi, non sen antes ter unha discusión moi forte coa súa curmán cando lle recriminou os feitos.


Xoaniña, arroupada cun cobertor a cabalo da besta chispiña, chegou ao seu novo fogar. Alí vivían os oito fillos e dona do seu salvador, que lle deron todo o que necesitou aquel ser que acaba de nacer. A dona (que pensou que isto era un milagre) xuntou os seus fillos que xa eran maiores, e díxolles: “a partir de hoxe sodes nove irmáns”.


Todo o amor e cariño foi pouco para aquela neniña, pasaron os días e foi medrando, a fermosura abondou nela como se de un ser especial se tratara.


Cando estivo a punto de cumprir os vinte anos, faleceu o seu pai e un ano despois a súa nai, -sí digo ben, os seus pais, os que a criaron e educaron como persoa, pois os pais biolóxicos fóronse para Cuba e nunca se lembraron dela-.


A moza Xoaniña, quedou na casa cos seus irmáns – efectivamente, os seus irmáns, pois ela era unha mais e as diferencias entre eles non existían-.


No ano 1946, o amor chamoulle a porta, recen cumpridos os trinta e tres anos. Antón era un rapaz moi xeitoso e traballador, así que Xoaniña decidiu casar con el. Fixéronlle unha casamento por todo lo alto, non faltou de nada e foron convidados familia e veciños. Relucente co seu vestido branco deulle o “sí quero” a Antón, o home que a faría feliz toda a vida. Tiveron unha filla a que entregaron todo o seu amor e loitoran por ela para darlle canto alcanzaban, educárona respectando os valores da solidariedade, amor e bondade. Xoaniña endexamais a abandonaría : Todo un exemplo.

Xoaniña, de horóscopo Celta PINO símbolo de potencia vital, sentido do humor, enamoradizos e apaixonados, equilibrados no traballo, non soportan o fracaso.
!Casualidade ou non!
Naceu o día 28 de febreiro do 1913, xoves.
Casouse o día 1 de Agosto do 1946, xoves.
Faleceu o día 4 de Novembro do 1993, xoves.

10/10/10

O GAITEIRO DE SAN XUSTO

O día 3-10-2010 tivo unha merecida homenaxe na que participou a familia e asociacions culturais da comarca.
Curiosamente, o día 8-5-2009 adiquei a miña lembranza a este home, de nome Ramiro Villamor; Agora entendo, él sempre fixo honor as catro últimas letras do seu apelido “AMOR" :  amor polo seu e polo noso,  en definitiva pola  cultura que nos distingue e identifícanos.
Merecida foi adicarlle unha rúa en Palas de Rei, quizáis tardaron demasiado, pero como di o dito (nunca é tarde). Dende aquí fago unha chamada aos responsables políticos para que casos coma iste, de xente anónima, que fixeron tanto para conservar a nosa identidade como pobo, non se esquezan e sexa recoñecida a súa labor, adicándolle rúas e prazas no seu honor.

Datos personales