30/6/09

Noite de San Xoán


Noite máxica:Lémbrome cando eu era rapaz que a véspera do San Xoán, pola tardiña, o axetreo comezaba pra busca-las herbas que alá pola mañanciña nos axudarían a face-la fogueira. As herbas: Ramas de figueira, de nogueira, de castiñeiro, fiúncho, seoanes, sabugueiro, loureiro, fentas, espadañas e algunha máis que os anos xa non me deixan lembrar.
Todas elas facendo unha boa morica deixábanse toda a noite ó resío. Pola mañanciña o aviscar do día e diante das portas,cunha presa de leña miúda, facíaselle lume enriba, botábanlle-las herbas verdes e molladas do orballo da noite.
De contado, comezaba a saír fume agrisado moi oloroso que enchía-los espazos de fume; Trancábanse-las portas e deixábase que os malos espíritos e outras alimañas, desapareceran,,así durante o ano quedabamos libres de todo mal.
Outro costume era que se deixaban as palanganas cheas de auga con flores de sabugo e pola mañá o primeiro que se facía era lavarse a cara con esa auga. Dicíase que a pel, durante o ano, estaría moi fermosa e libre de engurras.
Pois ben, hoxe pra combate-las alimañas,seguramente as herbas xa non sexan un bo remedio. O que teño seguro e o de lavarse na auga con flores de sabugo,coida a pel tanto o máis que moitas pomadas que venden nas boticas, “maden in China”,composición “vai ti a saber”.
Canto sabían os nosos ancestrais! Déanse conta que tódalas herbas son de árbores que teñen aplicacións curativas e preventivas.
Hoxe en día fanse fogueiras cos restos de enseres da casa,todos eles que espallan moita contaminación, fogueiras que queiman toda a noite, toneladas de pólvora en petardos que desprenden á atmosfera cantidades enormes de residuos, que a nosa nai "Natureza" vaille custar moito eliminar,e que dicir do ruído que todo isto produce.Sinxelamente penso que estamos tolos.
Desexo que os rapaces de toda Galiza, segan a manter a tradición da queima das herbas, primeiro por ser un costume que nos identifica coma pobo, segundo, por tratarse dun feito nada contaminante e agresivo e terceiro, porque agasallamos á nosa nai "Natureza" cun perfume único.

23-06-2009

25/6/09

Polbo á Feira




INGREDIENTES (4 persoas)

1 Polbo de 2 kg (mellor conxelado)
Aceite de oliva de 1 grado.
Pemento picante.
1 folla de loureiro.
Auga.
Sal.



PREPARACIÓN

Sacámo-lo polbo un día antes do conxelador.Poñemos ó lume unha pota con moita auga e unha folla de loureiro. Unha vez comeza a ferve-la auga,collémo-lo polbo pola cabeza e metémolo e sacámolo tres ou catro veces da auga (ter coidado de non queimarse). Xa veredes que os tentáculos encollesen facendo unha forma de estrela.
Despois de todo isto, deixaremos que coza aproximadamente uns trinta minutos (de cando en vez, comprobaremos cun garfo, como está de cocido).
Unha vez estea cocido,sacámolo da auga. Presentarémolo nun prato de madeira e axudados por unhas tesoiras cortarémolo en rodaxas.
Escurrimo-la auga que vai soltando e finalmente, aderezamos con pemento picante, sal gorda e moito aceite.
Tamén se poden ferver unhas patacas e acompañalo das mesmas.
Listo para manxar,"bo probeito"

14/6/09

MEIGAS

Cando eu era rapaz, escoitaba aos vellos falar das meigas. Estoume a lembrar dun home que facía de muiñeiro na Ponte Merced e que polas noites, cando regresaba a súa casa, contaba que, case sempre, se lle aparecía algunha. Explicaba, con todo luxo de detalles, como a boina escapábaselle da cachola e non podía suxeitala coas dúas mans, dicía que a meiga impedíalle camiñar, que non o deixaba adiantar nin un metro, máis ben o contrario, que camiñaba pra atrás como os cangrexos.
Eu tiña curiosidade por toparme con algunha meiga, sempre imaxinei que se trataba dunha muller vella,vestida de negro e con un pano do mesmo cor.Pero unha cousa é o que che contan e outra o que ven os teus ollos… polo que decidín saír de dúbidas e acompañei o muiñeiro unha noite. Fun ó muíño alá á postura do sol e pra que el non sospeitara levaba un caña de pescar facendo ver que viña das troitas, esperei que o muiñeiro pechara e decidimos regresar pra casa. A uns trescentos metros atopábase a taberna do vila e o muiñeiro decidiu tomar unha copa de augardente, pois en verdade, ía moito frío, e esta era a maneira de repoñer enerxía pra camiñar os dous quilómetros que nos separaban dos nosos lares. Unha copa, outra e outra…así non sei cantas máis bebeu. Xa eran cerca das dúas da mañá e finalmente, puxemos pes ó camiño. Cando chegamos ó Monte Largo, o muiñeiro comezou a dicir que a meiga non o deixaba camiñar,e empezou a ir pra tras e o mesmo tempo, caeu sentado na cuneta da estrada. Axudeino a levantarse e o poñerse de pe dixo “que forza ten carallo! debe ser máis dunha meiga!” Así fomos tódolo camiño. Tiña razón, era máis dunha e de seis, tamén diría eu! Medio litro polo menos da augardente. Saín de dúbidas, cantas meigas nos fai ver o alcohol? “ Din que habelas hainas”.
27-05-2009

8/6/09

Empanada de Atún


INGREDIENTES

Recheo:
2-3 cebolas
3 pementos verdes ou vermellos
1 tomate
1 ovo
500 gr.de atún

Pra masa:
700g de fariña
Lévedo
Auga
Aceite
Sal


PREPARACIÓN

Pica-las cebolas, os pementos e o tomate en dados pequenos, fritir todo nunha tixola con un chorro de aceite de xirasol, engadindo sal. Cando estea medio fritido sacámolo do lume.
Nun bol poñeremos 700 gramos de fariña, engadiremos un sobre e medio de fermento calquera lévedo nos serve. Mesturamos ben. Nun cazo teremos auga quente mesturada con dúas culleradas de aceite e un pouco de sal. Remexemos ben e imos amasando a fariña. Deixamos que a masa levede durante unha hora e despois repartirémola deixando un pouco máis pra parte de abaixo, enténdese que terá que aguantar máis peso.
Collemos a bandexa do forno e espolvoreamos-lle a fariña para que non se nos pegue.
Axudados con un rodete de madeira estenderemos a masa e colocarémola na bandexa do forno con moito coidado para que non se nos rompa. Con un coitelo cortaremos aquela masa que nos sobra arredor da bandexa.
Baleiraremos o fritido da tixola na masa e estenderémola. Faremos o mesmo co atún e podemos engadir atún de lata, hai que escorrer o aceite.
Estenderemo-la masa da parte darriba e con coidado poñerémola, tapando, o atún .Cos dedos collendo a masa de baixo,xuntando e apertar coa darriba faremos como un cosido todo o arredor.A continuación furaremos no medio da masa pra que poidan saír os vapores. Finalmente, batemos un ovo e con un pincel pasámoslle á empanada.
Meterémola no forno a uns 220-250 grados,lume por abaixo e por arriba durante uns 40 minutos,de todas maneiras mellor ir controlando o tempo cada un en función do seu forno.Deixar que repouse despois de feita, dúas horas.

Datos personales