26/5/09

Aldeas

Son un núcleo de poboación que se non recibe, cariño e comprensión, por parte da administración tenden a desaparecer. Se levantaran a cachola os nosos antepasados… unha de dúas ou volven morrer ou córrenos a paus, pois tantos recordos e tanta vida vivida, séculos e séculos compartindo de todo o carón dos veciños, casas de pedra, fermosas lareiras,noites de serao, moitas lembranzas…
Como podemos esquecernos destes recunchos que foron os piares da nosa existencia ? Din que “ he de mal nacido non ser agradecido” tanto esforzo dos nosos avós e dos nosos pais,por manter o que herdaron dos seus antepasados, e nos mirando as casas como se topan despidas, sen fiestras, sen tellado, chovendo dentro e o peor, moitas xa no chan. Vaia por Deus! onde nos leva o mundo de agora! a comprar un piso e vivir nun espazo no aire coma se foramos paxaros engaiolados.
Penso que estamos nun erro xa que non hai casa en Galiza que non teña unha palleira e un horto pra poder gozar dunha barbacoa coa familia ou amigos.
Non deixedes que outros que veñen de fora nos arrebaten o noso patrimonio, son os que escapan dos espazos no aire, eses que non queren vivir nun galiñeiro, os que buscan calidade de vida. Non deixemos perder a nosa realidade cultural .

25/5/09

Desputa por unha fermosa moza

Todo isto sucedeu alá polo ano 1905 nunha aldea galega de nome DOREDOUBI, con dous irmáns protagonistas desta fermosa historia, chamados LEINAD e SIONIDIO estes dos irmáns pertencían a unha familia adiñeirada, donos de varias propiedades.
Por aquel entón, era moi común que nas casas adiñeiradas ademais dos caseiros, tiveran xente servindo, quero dicir os mal chamados criados.Nesta casa atopábase unha rapaza a servir chamada NALICEMAR, como poden apreciar, o seu nome non e do máis rechamante, ela si o era pola súa fermosura.
Esta rapaza fora sacada da inclusa “lugar onde deixaban os nenos abandonados”, na maior parte dos casos estes nenos eran fillos de mozas solteiras, NALICEMAR eran unha delas,fora sacada por unha muller moi probe pero naquel entón o que recollía un destes nenos dábanlle unhas cantas pesetas e moita xente sen escrúpulos sacábanos pra despois poñelos a servir. Desta nena, dicían as boas ou malas linguas, que fora filla dun Crego, seguramente fora certo pois isto dábase moito por estes lares,seguramente mais dun temos vínculos eclesiásticos.
Pois esta nena medrou con esta familia traballando nas labores da casa. Dos dous irmáns, SIONIDIO estaba a formarse no Seminario, era costume que as familias máis podentes tiveran un dos seus membros a estudar e a poder ser, que saíra Crego, xa que era unha maneira de dar mais renome a familia, acrecentando o estatus familiar.
A rapaza faise moza e comezan os dores de cachola pra os irmáns LEINAD e SIONIDIO. Gústalles aos dous e non é pra menos, cos vinte anos recen cumpridos, ollos azuis e un corpo fermoso quen se resiste a tal tentación? Os dous pretenden convencela do seu namoramento, pero ela móstrase receosa pois sabe que o pai deles que se chama como o seu fillo, LEINAD, non ve con vos ollos que a “criada” se namore dun dos fillos e forme parte da familia. Entón, trata de convence-los fillos pra que desistan e aconséllaos que se casen cunha muller adiñeirada coma eles, e con terras, posto que estas, daquela eran moi valoradas.
SIONIDIO que está a piques de ser investido Crego, pero e tal o namoramento que sinte por NALICEMAR que proponlle que se ela o quere, el deixa o Seminario e casase con ela. NALICEMAR nunca o demostrara, pero estaba moi namorada e sen pensalo dúas veces, dálle unha aperta e dille que o seu amor esta o carón do seu.
Decide SIONIDIO contarllo o pai e pedirlle permiso pra casar,o desgusto do pai é tan grande que non dan crédito as súas palabras, como pode ser que unha persoa a piques de ser nomeado discípulo de Deus, deixe todo polo amor dunha muller? e ademais, é a criada da casa! pero e ben certo que amor non entende nin de Deus ni de cartos, dise do amor, que é cego, estou ben convencido é cego… pero fermoso.
LEINAD pai, cóntallo ao outro fillo chamado como é,l este levase un desgusto de morte pois o amor da súa vida vaise co seu irmán. Deciden falar con SIONIDIO pra convencelo de que desista pero a firmeza deste non fai máis que afianzar o seu amor por NALICEMAR. Dánse conta que non hai nada que facer, so deixalos co seu amor. Finalmente, celebrase o casamento, pero só vai a familia, foi un casamento de probe na casa dun rico.
Ó día seguinte, o pai de SIONIDIO , reúne aos dous fillos e faille saber o recen casado que lle deixa como herdanza os bens da aldea de GARCEMAN, e que se quere xa se pode poñerse en contacto co caseiro e contarlle o acaecido: facerlle saber que el xa é o dono.
SIONIDIO colle a muller e a equipaxe, e múdanse á aldea de GARCEMAN. Alí fanlle saber o caseiro que deixará de traballar as terras o próximo ano, porque traballaranas eles.
Mentres SIONIDIO fai de mestre pra os rapaces da aldea e así gañar uns ferrados de centeo ou de millo, NALICEMAR atende as labores da casa. De seguido queda embarazada e nace un neno que lle puxeron de nome SUSXE; O pouco tempo, chega outro embarazo e así ata cinco neste último e con pouco máis de trinta anos, a morte levaa pra sempre, e con ela, os dous nenos recen nacidos.
A tristura embarga a SIONIDIO chora día e noite, pois o amor da súa vida deixábao para sempre, pero él, sabia que tiña que seguir loitando posto que quedaban catro nenos pequenos,o maior de dez anos, SUSXE, tería que axudar o seu pai, como non podía ser doutra maneira.
A raíz deste suceso a familia que durante varios anos non se había acordado de SIONIDIO comezan a botarlle unha man e deciden levar aos nenos máis pequenos con eles,e así o fixeron, uns foron pra DOREDOUBI e outros pra SALOUDELA .
Pasado un tempo, SIONIDIO refai a súa vida casándose de novo, e os seus fillos regresan con el, ao fogar de sempre. Da segunda muller ten catro fillos mais, e os oito conviven baixo o mesmo teito en harmonía.
Pra rematar contareivos que o protagonista desta historia morreou no ano 1963. Descanse en paz ó lado das súa primeira muller onde foi enterrado, na parroquia de Prepoulavi.

23/5/09

Xan do Caínzo e Marica da Choupela

Esta historia que lles vou contar aconteceu alá polo ano 1850 nunha aldea moi coñecida chamada Bradegafeita.
Xan que tiña 41 anos, vivía cos seus país de toda vida, era fillo único e moi querido e apreciado polos veciños, pois aínda que non era moi espelido, todo isto quedaba compensado coa súa boa vontade pra axudar os demais, se Xan ía á taberna e lle encargabas calquera cousa, faltáballe tempo pra deseguido chegarche con ela, xa non digamos coas labores do campo sempre disposto a votar unha man, posto que sempre presumía que él araba moi dereito, e sementaba coas dúas mans, o certo é que ningunha das dúas cousas se lle daba ben, xa que o estrabismo que tiña no ollo dereito, facía que mirara pra tódolos lados menos pra onde tiña que mirar.
Marica era unha muller da mesma idade que Xan, vivía tamén cos seus pais, tiña dúas irmas Gumersinda e Rufina. Marica era pouco agraciada no físico, pero atrevida cos homes,a xente da aldea xa dicía dela que era moi lixeira, xa que tiña un fillo de solteira. Na aldea estaban divididos: uns dicían que o rapaz era igualiño co crego e outros que era o vivo retrato dun cerralleiro que tódolos meses viña a tapa-los buratos das cazolas,e algún outro burato sen ser de cazola; O certo é que Marica case sempre rodeada de homes, escoitábaselle os risos dende a outro lado da aldea.
Xan namorado de Marica, proponlle casamento. Ela dille que sí pero Xan debe falar co seu pai pra que o deixe casar. O pai de Xan, chamado Xeneroso, sempre dicía que sería do seu fillo o día que eles morreran, pois coas poucas luces que tiña: ”morrerá de fame”.
Xan ocorréselle falar cun veciño chamado Nisio que era para él unha das persoas máis capacitadas da aldea, posto que naquel entón, este home xa estudara o bacharelato, moi falador e con boa expresión ninguén mellor pra convencer o seu pai. Nisio ponlle como condición ir pola noite e deberá de ter unha ola de viño pra facer máis levadeira a conversa e o mesmo tempo, cando Xeneroso leve bebidas unhas cantas cuncas de viño de ben seguro dará o seu consentimento o casamento do fillo. Dito e feito, esa mesma noite van a falar con Xeneroso, comezan a beber no viño, a contar contos, a cousa vaise alargando, a noite vai pasando e ninguén ten en conta o casamento. Xan preocupado comeza: “ calar… calar… botan bombas debe de haber algún casamento”, entón Nisio venlle o recordo e dille o pai de Xan, ”Xeneroso, eu veño aquí a falar contigo pois o teu fillo quere casar,” sen deixarlle acabar di Xeneroso: “o meu fillo Xan aínda e moi xoven” , Xan furioso contestou “pai teño 41 anos” e o pai engadiu : “sí, pero aínda tes quen che lave a camisa”. Entre tira e afrouxa, Nisio convence o pai de Xan. Finalmente acordase a data do casamento e faise saber a tódolos veciños.
O día do casamento, xuntouse moita xente pra ver o acontecemento entre eles atopábase o cerralleiro, axudaba na cerimonia como sancristán o fillo de Marica. O darlles a bendición dixo o crego: “ eu vos bendigo no nome do pai e do fillo”. O cerralleiro, moi ledo engadiu: “ menos mal que xa se sabe de quen é o rapaz”. Os veciños, á saída da igrexa, cantáronlles unha canción que comezaba: “Casouse Xan do Caínzo con Marica da Choupela, él era un home de ven e ela tamén o era. Con estes dous pra casar, xente de sete parroquias viñémolos acompañar, agora xa se acabou, felices sexan os dous”.

18/5/09

Virusparo

Canto se está a falar do virus A como lle chaman agora! Eu non entendo de virus polo que non teño receita pra medicalo, penso senón seria mellor falar doutras cousas, se ben é certo que esta é moi importante. De momento, xa temos o medo no corpo e sen vacina, din que tardara uns cantos meses. Penso eu, qué faremos mentres? Ocorréseme unha cousa: e se nos déramos fregas cos recibos do banco da hipoteca que non podemos pagar? Quen sabe, o mellor servíanos de protector, ademais pra aforrar pagar a quen nos las dea, ocorréseme que nas colas do paro, comece o último, o seguinte e así sucesivamente ata chegar ó funcionario que nos atende, estariamos ocupados e non habería pelexas por se-lo primeiro. Estou a pensar: quen llas da o último? pois non pasa nada, que volva o día seguinte e así será o primeiro. E se nos rompe o recibo de tanto fregar? Non temos porque preocuparnos, as compañías da luz, agora, mándannolo tódolos meses. Por si isto fora pouco, facenda erra nos cálculos e mándanos o borrador o seu favor, entón temos que pedir outro, as compañías de telefonía, as do gas , as da auga, o imposto de circulación o seguro da casa e do coche, os dos mortos… como poden ver, papel non nos falla! Poderiamos empapelarnos todo o corpo e aínda nos quedaría papel pra a máscara.
Non sei, o mellor estou dándolle ideas ao goberno e con todo isto aforrase a vacina.
Algo terán que facer, xa que os virus son tantos… hai un que me preocupa moito, pois e dos que muta ,eu chámolle eurovirus, pero non vos preocupedes, este so afecta aos billetes de 500 euros, e tamén as persoas con poucos escrúpulos, nada que temer nós, os traballadores, este non incuba en xente con pouca ou ningunha prestación social, traballadores con conxelación salarial “mil euristas, nada que temer!” Dádesvos conta das vantaxes que temos os desta crase social? A ben seguro, somos a envexa dos políticos e da patronal.
02/05/2009

O Gaiteiro de San Xusto

Fai uns 50 anos que na comarca da Ulloa e máis alá dos seus límites, era moi coñecido por tódolos seareiros, este home pequeno de sorriso fácil e de cor moi grande, que coa su gaita de folk de baixo do brazo, amenizaba as festas do arredor,neste caso a do San Brais no mes de Febreiro, case sempre acompañados dun manto branco de neve.
Lémbrome de que non viña so tratábase de un trío composto por dous dos seus fillos, de moi corta idade, que co bombo e a pandeireta facían a percusión,chamábame moito a atención con que destreza e cariño trataba aquel home os seus meniños, vestidos con moita elegancia como non podía ser doutra maneira pra tal ocasión,tocaban día e noite sen parar.
Para as Angustias no mes de Agosto non faltaba nunca este gaiteiro na casa de Guerra de Vilapoupre, pois o meu parente, Suso, fiel defensor do noso folclore, alá pola media mañá ía a recollelos no seu coche “Gordine”, as doce tocaban unha foliada diante de cada casa pra rematar a saída da misa alá polas tres.Despois a xantar e pola noitiña a continuar coa festa.
Con estas palabras so pretendo facerlle a miña humilde homenaxe a este home que dende o mais alá estará a ver que a súa obra continua, seguen os gaiteiros séguese a toca-la Muñeira de Chantada. E quen sabe…o mellor o gaiteiro de San Xusto está a dar crases de gaita no ceo. ”Unha boa persoa”.
8-o5-o9

Día das Letras Galegas

Hoxe, día das letras Galegas non faltan homenaxes para os nosos escritores por parte da crase política, recoñecemento mais que merecido pois eles son os transmisores da nosa lingua, utilizándoa e dando a coñecer a nosa riqueza cultural. Dende aquí grazas, unha aperta e ánimos pra seguir. Pero non quero esquecerme daqueles que considero foron os pioneiros en tempos difíciles coma Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Domingo Fontan, Asorey e deixei para o último, o que quizás pódese considerar o primeiro: “Castelao “, que pola súa forma de pensar foi desterrado da súa terra. A tódolos mortos que deus os teña na gloria e os vivos moita saúde pra seguir a obra que outros empezaron, ben seguro que me deixei moitos sen nomear para todos eles, grazas…moitas grazas.
Déixeme lembrarme dunha persoa que nos deixou fai anos, non sabia ler nin escribir pero o amor pola súa terra e o saber facer das súas mans, facían a delicia dos camiñantes e sementeiras, estou a falar do zoqueiro e cesteiro Anxel de Ron, para él e outros coma él, nesta data, a miña humilde homenaxe.
17-05-2009

13/5/09

Tempos pra non esquecer

Foi moi común en Galiza que as xentes das aldeas, foran nomeadas non polo seu nome, se non por alcumes que identificaban as súas casas e persoas.
Farei recordo dalgúns desta comarca, moitos xa non están en uso e outros aínda se manteñen:

O TIU FARRUCO
O PARRULO
OS CACHOLANS
O TIU CANEIRO
O GARULO
OS CAÑOTAS
OS VILLARAVIDE
OS FORZAS
OS ARMAS
OS PALLOTAS
OS DA LAMA
OS DO REI
OS PEDROSOS
OS CARDEIROS
OS CACHEIRAS
OS DO CANIZO
OS DA FORXA
OS DE MINGOS
OS DE ROÑA
OS DO CAINZO
OS CALABRAS
OS DA COSTA
OS PIDROUZOS
O CARALLAN
OS DA PICOUTA
OS GAREAS
O TIU ROMEIRO
OS DE OUTEIRO
O ESCARABELLO
O ZOQUEIRO
O TIU XENEROSO
OS PERNAS
OS DO XASTRE


E así podíamos estar días recordando a milleiros de alcumes.
Dende esta páxina o meu máis sinxelo e agarimoso agradecemento. Unha aperta a todos os que seguen mantendo viva a nosa cultura.

11/5/09

Cruceiros de Galiza

Atópanse nos cruces dos camiños, ó pe das igrexas. Son patrimonio cultural da nosa terra, é un monumento moi enraizado, esculpidos en pedra, atópanse moitos e de diferentes imaxes.
Fálase de que pasan de 10.000, as súas orixes remóntanse o século XIV. Agora tamén se poden ver algúns exemplares decorando os xardíns de casas particulares.
Este da foto pertence a parroquia de Alvidrón,no concello de Antas de Ulla,moi preto do LAR DOS AVOS.

Bendicir todo ou case todo

Fai anos en Galiza non só se bendicía os nenos cando nacían.Todo ou case todo pasaba polas mans do crego, se non se podía ir a igrexa, o seu pastor achegábase onde fora preciso,sen auga bendicida non queda bicho vivente; pois a pía sempre estaba chea e disposta a levar paz os seus fregueses. Era moi usual que cando se remataba unha casa fora o crego a bendicir, bendicíase as vacas, os porcos e toda crase de gando. Comprendo que a bendición chegara o gando pois de ben seguro que máis dun lacón, ou un polo cebado, paraba na casa do crego. Entendo que él tivera tanto interese pois eu non me podo imaxinar comendo tal manxar sen a correspondente auga bendita.Cando se entraba na igrexa, o primeiro dos veciños, cos dedos e a man mollada, pasáballa os que viñan detrás.Moitas veces esa paz non chega, pois as disputas polos lindes das leiras era máis forte co poder de Deus.Acabado o protocolo cada un metía a man e levaba a bendición para él mesmo,sen compartir con ninguén,eu que fun aspirante a sacristán podo dicir con certeza que polo menos unha das mans ía máis limpa. Cada certo tempo tiñamos que cambiar a auga non por falta de ela,senón por chea de merda; sempre pensei que seria mellor lavarse na casa, pero pra gañar o ceo tense que estar limpos por fora e por dentro.

4/5/09

O día de Reis

Cando eu era neno, estou a falar de fai moitos anos os reis, que por certo eran moi probes, tiñan verdadeiras dificultades pra chegar aos nosos fogares, os camiños de terra e lama facíanse intransitables, a todo isto tiñan que engadirlle que a luz eléctrica non se coñecía, non porque non existira, senón porque os que nos gobernaban non tiñan a ven dotarnos de tal avantaxe tecnolóxico.
O candil e a luz de carburo foron durante moitos anos o nosos compañeiros de nocturnidades.
Daquela cando o Galego ofrecíaselle algo, tiña que velo e tocalo “non se sorprendan” pois entón tiñamos moito máis desenvolvido o tacto e a vista que o resto dos mortais, sen luz, a escuras, tense que palpar e abrir moito os ollos.
Pois a que ven contar todo isto, imaxínense vostedes a os reis, facendo o reparto unha noite de inverno,con todos estes inconvenientes. Lóxicamente e con moi bo criterio,deixaban nas mans dos seus axudantes o reparto, distribución e confección de guantes, calcetíns, jerséis e un puñadiño de figos, galletas e unhas cantas rubias, moeda de curso, antiga chamada peseta.
Hoxe os camiños están arranxados, temos luz aínda que sexa con pouca forza, así que os reis xa non teñen escusa para poder facer eles as entregas dos xoguetes. Dubido se na actualidade os Galegos temos os ollos abertos ou pechados.

Datos personales